Desconvocada a folga no servizo de limpeza hospitalaria de Pontevedra
Por Redacción
A folga que estaba prevista no servizo de limpeza dos hospitais públicos de Pontevedra a partir do 2 de maio desconvocábase nas últimas horas, despois de que o persoal de Acciona, concesionaria do servizo de limpeza hospitalaria, chegase a acordo coa dirección.
Segundo as fontes sindicais, o preacordo alcanzado entre o comité, formado por CIG, CCOO e UXT, e a dirección de Acciona foi ratificado na tarde do xoves en asemblea pola maioría de operarios. Sinalan que o preacordo recolle as principais reivindicacións do persoal.
Desta forma, contémplase a elaboración do cuadrante anual para distribuír mellor os descansos e evitar que se establezan once días continuados de traballo para o persoal como sucede na actualidade.
Tamén se establece un plus de convenio que se cobrará nun único pago durante o mes de outubro consistente en 150 euros este ano; ascenderá a 200 euros en 2023 e a 500 en 2024.
Ademais, pactouse entre as partes un plus de absentismo nunha escala progresiva que vai dos 50 euros neste 2022 ata os 200 en 2024. O documento establece tamén outras melloras de carácter social que se demandaban.
As partes comprometéronse a asinar o convenio definitivo antes do domingo 15 de maio.
Relacionadas:
-
Persoal de Acciona sae á rúa para reclamar a readmisión dunha traballadora da limpeza hospitalaria
Por Redacción |
-
Anuncian protestas do persoal de Acciona nos hospitais tras o despedimento dunha traballadora da limpeza do Provincial
Por Anxo Lourido |
-
Comisións Obreiras denuncia a discriminación de xénero existente no servizo de limpeza hospitalaria
Por Oskar Viéitez |
-
O persoal de limpieza do Provincial e Montecelo convoca unha folga a partir de 2 de maio
Por Manu Otero |