618 persoas aspiran aos 129 postos de auxiliares de Policía Local ofertados este verán para as poboacións turísticas
Por Diana Eiras & Anxo Lourido
Medir 1'60 para mulleres e 1'65 no caso dos homes é a primeira condición para poder superar as probas físicas que permiten optar a un posto como auxiliar da Policía Local en poboacións turísticas durante este verán.
Este luns, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva acollía o proceso de selección física ao que estaban convocadas 618 persoas co obxectivo de cubrir as 129 prazas que se ofertan para esta modalidade a través do sistema que promove a Xunta de Galicia.
Santiago Villanueva, director xeral de Emerxencias e Interior, acudía ata as instalacións deportivas para observar as probas e sinalaba que 32 concellos contarán con este reforzo durante os próximos meses, unha proposta que permite ofrecer un mellor servizo de atención cidadá en localidades nas que se incrementa notablemente o número de residentes.
As probas físicas consisten en exercicios de potencia de tren inferior cunha de salto vertical no que se establecen tramos de idade para superar as probas. Para persoas con idades comprendidas entre os 18 e os 36 anos, os homes teñen que lograr 41 centímetros, mentres que as mulleres, 32 cm. Para os aspirantes comprendidos entre o tramo entre 37 e 48 anos, a mínima é 33 centímetros para homes e 28 para mulleres. Mentres que os que superen os 49 anos deberán superar os 29 centímetros no caso de homes e 25 no caso de mulleres.
Tamén deben superar unha proba de resistencia consistente nunha carreira de mil metros na que se require unha marca de 4 minutos 30 segundos para homes entre 18 e 36 anos, mentres que as mulleres deben realizalas en 5 minutos, rexistros que se incrementa en tramos de idade superiores.
O 80% das persoas aspirantes son homes e, en moitos casos, trátase de opositores á Policía Local, que aproveitan estas prazas para adquirir experiencia. Proceden das catro provincias e quen supere as probas realizadas en Pontevedra terá que acudir a próxima fin de semana a Silleda onde se lles realizarán 50 preguntas nunha proba teórica e outra de coñecemento de lingua galega, segundo indicaban integrantes do tribunal.
As persoas seleccionadas deberán superar tamén un curso de formación teórico-práctico na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) para a súa posterior contratación.
O 20 de maio coñeceranse os nomes da selección de aspirantes e o 25 de este mesmo mes algúns concellos xa incorporarán a este persoal auxiliar. Segundo indicaba Villanueva, non poderán portar armas e as súas funcións centraranse en patrulla, tráfico e apoio á poboación, ofrecendo información e colaborando na convivencia.
O director xeral de Emerxencias explicaba que para municipios como Sanxenxo destínanse máis de 30 auxiliares para realizar estes labores ante o incremento de visitantes e que, unha vez superado este período estival, a súa función carece de sentido ao reducirse a poboación. A Xunta indica, por outra banda, que xa finalizou as oposicións unificadas do corpo de Policía Local no marco de colaboración cos concellos e así se cubrirán setenta prazas convocadas en 29 municipios de Galicia.