Altas presións nas Rías Baixas con temperaturas que aumentarán ata os 26 graos cara á fin de semana
Por Redacción
Este martes 3 preséntase nas Rías Baixas con ventos do nordés, con incremento de intensidade durante o día, con tendencia forte na franxa atlántica. O ceo continúa con alternancia de nubes e claros en xeral coas altas presións situadas entre Azores e Galicia. As temperaturas moveranse entre os 11 graos de mínima e os 22 de máxima, segundo a predición do servizo de Meteogalicia.
Xa a partir do mércores 4 as altas presións permanecerán situadas ao noroeste de Galicia. Con ceos despexados nas Rías Baixas e temperaturas que oscilarán entre os 10 e os 24 graos, incrementándose lixeiramente as máximas. O vento continuará soprando do nordés, moderado en xeral.
A influencia anticiclónica vai manterse durante o xoves. O ceo seguirá despexado coa posibilidade de que se rexistre a entrada de nubes altas que non impedirán o paso do sol. As temperaturas atoparanse entre os 11 e os 24 graos. O vento seguirá entrando procedente do nordés, moderado no litoral e máis frouxo no interior.
O venres 6 de maio manterase a mesma tónica ao atoparse Galicia baixo a influencia anticiclónica. Os ceos tamén se presentarán despexados pola mañá con entrada de nubes altas durante a tarde. As temperaturas máximas experimentarán un lixeiro ascenso. As mínimas continuarán sobre os 10 graos e as máximas alcanzarán os 26 graos.
Durante a fin de semana seguirán estes parámetros grazas ás altas presións e espérase un período de baixa probabilidade de precipitacións durante a fin de semana e no inicio da próxima semana.