Convocada unha protesta ante a Subdelegación do Goberno para recuperar a mesa de diálogo sobre Ence
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O comité de empresa da fábrica de Ence en Lourizán anunciou unha concentración para este venres 6 de maio, ás 11.15 horas, ante a Subdelegación do Goberno na praza de España. Alí demandarán unha nova convocatoria da mesa de diálogo entre as partes para buscar unha solución ao futuro da empresa pasteira.
Os representantes do persoal da fábrica afirman que non poden continuar esperando polo estudo comprometido polo Goberno para situar a pasteira noutro punto da comunidade autónoma mentres a Xunta de Galicia confirmou a súa intención de implantar outra pasteira en Galicia a través dunha empresa público - privada da que formaría parte o goberno galego, despois de que a empresa pasteira portuguesa Altri anunciara que proxecta unha planta en Palas de Rei (Lugo) de fabricación de fibras téxtiles.
"Non podemos permitirnos fiar todo ao que decidan os tribunais como pretende a empresa, que afirma que non hai madeira para outra fábrica en Galicia", indican desde o comité que se mantén tamén á espera dunha resolución do Tribunal Supremo que poida tombar a sentenza da Audiencia Nacional que anulaba a prórroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy en 2016 para que Ence continuase na ría pontevedresa durante 60 anos máis.
Desde o comité indican que seguen comprometidos en defender os postos de traballo nos tribunais, pero tamén ante as administracións e a empresa, que son "as principais responsables da nosa situación e son as que teñen que traballar na procura dunha solución". Sinalan no comunicado que teñen a obrigación de continuar esixindo que se manteña o compromiso adquirido na mesa de traballo en relación a non adoptar unha decisión unilateral que precipite un peche sen lograr unha solución.
Insisten en que o foro onde se teñen que adoptar decisións e acordos sobre o futuro laboral da fábrica pasteira é nunha mesa de traballo e por iso reclaman unha inmediata convocatoria.
CONCENTRACIÓN DIANTE DA AUDIENCIA ESTE XOVES 5
Por outra banda, este xoves 5 de maio, o sindicato Comisións Obreiras convocou unha concentración ás 11.00 horas ante a Audiencia Provincial de apoio ao traballador de Ence Ramiro Cerdeira, que se enfronta a unha petición por parte da Fiscalía dun ano de cárcere e a unha multa de 1.470 euros como presunto autor dun delito de atentado contra a autoridade ao participar nunha protesta no Concello en marzo de 2021.
Ao acto acudirá a secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO en Galicia, Amelia Pérez; o secretario xeral da FSC-CCOO, José Manuel Ramos; e o secretario de organización de CCOO en Pontevedra, José Luis García Pedrosa.
Segundo o relato que recolle a Fiscalía, catro traballadores de Ence impedían naquela protesta "con gritos e insultos" a saída do coche do alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores. Entre os manifestantes atopábase Ramiro Cerdeira, "que llegó a dar dos patadas"ao vehículo e dicirlle "hijo de puta, me cago en tu puta madre". Acúsaselle de "desprezo ao principio de autoridade" que lle confire a Lores o seu cargo como alcalde.