A Xunta confirma que reduciu o caudal da concesión de auga da fábrica de Ence en Lourizán a un 60%

© Mónica Patxot

© Xunta de Galicia

© BNG
A Comisión 2ª do Parlamento de Galicia trataba este venres, a preguntas do BNG, as condicións da concesión da captación de auga da fábrica de Ence no río Lérez. A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interviña para contestar sobre esta cuestión sinalando a Xunta de Galicia actualizou o caudal da concesión para esta factoría, cunha redución nun 60% nos últimos anos.
Explicou que a empresa contaba cunha concesión de decembro de 1968 e ata o 21 de decembro de 2043 para captar 1,5 metros cúbicos/segundo desde Bora, que significa 47,3 millóns de metros cúbicos ao ano, segundo expuxo. Ante a seca do ano 2017 coa preocupación que supuxo para a subministración de auga polas circunstancias derivadas do cambio climático e pola necesidade de realizar un uso responsable de auga, sinalou que se promoveu a Lei de Abastecemento de 2019 e realizouse un requirimento a Ence para que tomase medidas de control da captación de auga no río Lérez, mellorase as instalacións desde a captación ata a fábrica para reducir as perdas e rebaixar o consumo.
A dirección da empresa informou de que o consumo era de 0,55 metros cúbicos/segundo e ante estes datos, desde Augas de Galicia, segundo informou na comisión, decidiuse reducir a 0,6 metros cúbicos/segundo a captación de auga da empresa, fronte aos 1,5 que tiña establecidos.
En canto ao pago do canon de auga, a fábrica pasteira pasou de pagar no ano 2017 un total de 786.602 euros anuais a 1.589.227 euros en 2020 e 1.616.000 en 2021. O motivo, segundo explicou Gutiérrez, é polo tipo de gravame imposto sobre o volume de auga usada, a través dunha modificación lexislativa.
En cambio, Ence non paga a Augas de Galicia polas verteduras que efectúa porque, segundo indicou, a empresa ten o seu propio sistema de depuración e non utiliza os do organismo autónomo para este servizo.
Pola súa banda, Luís Bará, deputado do BNG, lamentou que a directora xeral de Augas de Galicia eludise responder á pregunta sobre se Ence elaborou algún plan para reducir as perdas no abastecemento desde a presa de Bora ata a fábrica e criticou que os datos achegados na Comisión non se presentaron anteriormente "en tempo e forma" cando se realizaron as preguntas hai un ano sobre este tema.
Ademais, Bará mostrou a súa sorpresa ante a exención de pagos polas verteduras de Ence e manifestou que as verteduras, a pesar da depuradora da pasteira, están a producirse na ría. Concluíu indicándolle á representante do organismo que recoñecera que Ence tivo "un trato fiscal preferente" durante moitos anos ata a entrada en vigor do cambio da lei en 2020.
PONTILLÓN DO CASTRO
Por outra banda, Teresa Gutiérrez incidiu nas medidas que establece a Lei de garantía de abastecemento sobre as empresas e administracións para o control da auga que se capta e se traslada, ademais das establecidas para reducir as perdas de auga. Indicou que faltan respostas de Concellos aos que se demandaran plans de actuación e auditorías sobre as perdas de auga nas redes de abastecemento. Entre eles citou ao de Pontevedra.
Ademais afirmou en sede parlamentaria que Pontevedra ten unha concesión de 200 litros/segundo para a cidade, cunhas instalacións no Pontillón para extraer 1.000 litros por segundo para abastecer ao propio municipio pontevedrés, a Bueu, Poio, Sanxenxo, Ponte Caldelas e, proximamente, Vilaboa.
Pero afirmou que a captación do Pontillón do Castro non ten concesión denunciando na comisión esta irregularidade. Gutiérrez admitiu que ata o momento non se sancionou desde Augas de Galicia ao Concello pero si se lles escribiu para demandar que se regule e que se modifique a concesión para adaptarse a través dun sistema supramunicipal.
Desde o BNG, Luís Bará contestou que o Concello de Pontevedra anunciou en 2019 que reducira a 3,6% as perdas de auga na rede e ao 12,5% na auga captada. "Debe de ser dous mellores de Galiza", afirmou asegurando que se realizaron importantes investimentos económicos nesta materia.
Relacionadas:
-
A seca forza a Pontevedra a recorrer antes do previsto á auga embalsada no Pontillón
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta e Ence coinciden en situar a factoría de Lourizán como "pedra angular" do proxecto de tisú nas Pontes
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Carme da Silva, concelleira responsable do Ciclo da Auga: "O ano hidrolóxico está por debaixo da media. Pode ser complicado"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
ENCE espera que o Supremo manteña a prórroga para investir 395 millóns na fábrica actual
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Concello pon a cobro o imposto de circulación para os 26.710 vehículos a motor matriculados en Vilagarcía
Por Redacción |
-
A APDR esixe un cambio da Autorización Ambiental Integrada de Ence para controlar os consumos de enerxía e recursos naturais
Por Redacción |
-
Restablecida a subministración de auga tras a avaría que provocou cortes en Marín e Bueu
Por Redacción |
-
ENCE cifra nun 20% o aforro no seu consumo de auga coas melloras feitas na fábrica
Por Redacción |
-
Ence asegura que reduciu o consumo de auga por debaixo do nível marcado pola Xunta
Por Redacción |
-
Pontevedra aplica as primeiras medidas efectivas ante a alerta por seca
Por Natalia Puga |