Queixada galega e pirámides de chocolate no Ganapán para celebrar as Letras Galegas e o Día dos Museos
Por Redacción
Chega unha fin de semana na que o público infantil terá a oportunidade de prepararse para celebrar as Letras Galegas, o 17 de maio; e o Día Internacional dos Museos, o 18. Desde O Ganapán anuncian unha programación de actividades gratuítas para estas dúas xornadas do sábado e domingo nos talleres que se desenvolverán no Mercado de Abastos con propostas cargadas de creatividade e de elaboración de suculentos pratos.
O programa está previsto para escolares con idades comprendidas entre os 4 e os 10 anos. O sábado 14 de maio, os pequenos poderán elaborar unha queixada galega, unha torta moi cremosa cun sabor moi singular. Pero ademais, terán a oportunidade de participar nunha taller de xoiería de letras no que os máis pequenos confeccionarán pulseiras con mensaxes e palabras galegas.
O domingo 15 continuarán os incentivos preparando o Día Internacional dos Museos coa creación dunhas pirámides de coco e chocolate cun aspecto impresionante. No outro taller, os participantes poderán crear cadros utilizando a técnica do gravado.
As actividades comezarán ás 12.00 horas e para participar é necesario inscribirse previamente a través do correo electrónico oganapan@gmail.com antes das 16.00 horas do día anterior á celebración das sesións. Neste correo deben sinalarse posibles alerxias ou intolerancias que padezan os escolares. Tamén se recomenda que leven unha friameira para que os participantes leven ás súas casas as receitas cociñadas nestes talleres, que promove a concellería de Promoción Económica no primeiro piso do Mercado de Abastos.