As praias de Areas, Silgar, Canelas e Montalvo contarán con socorristas desde o 3 de xuño

Por Redacción
Co obxectivo de seguir mellorando os servizos en praias, Sanxenxo adiantará este ano, por primeira vez, a dotación de salvamento e socorrismo a principios de xuño en Areas, Silgar, Canelas e Montalvo. Estes areais contarán con este servizo os días 3, 4, 5, 10, 11 e 12, coincidindo coas fins de semana.
Estas catro praias, debido á afluencia de bañistas, xa contaban habitualmente con socorristas, desde o 15 de xuño e ata o 15 de setembro, e este verán sumaranse a esta data as praias de Foxos e O Espiñeiro-A Lanzada. O restantes once areais con bandeira azul dispoñerán deste servizo para partir do 1 de xullo e ata o 31 de agosto.
O municipio contará este ano coa empresa especializada Salvar, Formar e Socorrer para garantir o servizo de vixilancia e socorrismo en praias. O custo do contrato por dous anos é de 1,3 millóns con posibilidade de prórroga.
Entre as melloras incluídas atópase a ampliación de horario en Silgar durante os meses de xullo e agosto. Comezarán ás 11:30 e finalizarán ás 20:30 horas. En 2021, as quendas iniciábanse ás 12:00 e concluían ás 20:00 horas.
O Concello ultima a posta a piques das praias coa mellora dos baños, accesos e torretas de socorristas, así como a colocación das pasarelas e dos lavapiés que volven ás praias tras dous anos de pandemia. En canto ao balizamento, a instalación comezará a próxima semana pola praia de Silgar, por ser unha das máis concorridas, e estenderase ao resto dos areais para que estea completamente lista o 1 de xuño.
QUIOSCO DE PUNTA VICAÑO
Por outro, lado o Concello acaba de licitar o quiosco con terraza e baños en Punta Vicaño. O prezo de licitación é de 6.050 euros por tempada e non debe exceder os seis meses aberto desde Semana Santa. O contrato contempla a posibilidade de tres prórrogas.
Os licitadores deberán presentar unha memoria que describa as instalacións que se propoñan, principalmente naquilo que supoña melloras hixiénico-sanitarias, condicións ambientais e estéticas, medidas que favorezan a accesibilidade ás instalacións a persoas con mobilidade reducida e ornamentación exterior prevista.
Relacionadas:
-
A Xunta subvenciona a contratación de socorristas para os meses de xullo e agosto
Por Redacción |
-
Sanxenxo executa melloras nas casas de cultura das súas parroquias
Por Redacción |
-
Unha concentración lembrará a Juan Tábara ao cumprirse un mes do atropelo mortal mentres nadaba en Silgar
Por Redacción |
-
Banda do Río, a novidade entre as 112 praias galegas con bandeira azul, 17 delas en Sanxenxo
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada