Investirán 50.000 para mellorar as beirarrúas e sinais do parque empresarial do Sangal
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de adxudicar á empresa Excavacions y Construcciones Manuel Pérez Portela, S. L. as obras de mellora das beirarrúas e da sinalización horizontal nos viais do parque empresarial do Sangal.
Entre as actuacións que se levarán a cabo destaca a mellora do pavimento das beirarrúas do parque. Isto o farán a través da substitución do firme por outro de formigón en masa HM-25 coloreado de doce centímetros de espesor, incluído formación de xuntas de dilatación cada cinco metros.
Pero actualmente xa están demolendo o actual pavimento de loseta de formigón e rebaixarán ata chegar aos doce centímetros, dentro da caixa, para a colocación do formigón en masa. Tamén acometeron traballos de retirada e recollida de sinalización vertical co fin de reutilizala e recolocala no lugar axeitado unha vez rematado o novo proceso de colocación de pavimento nas beirarrúas.
Farán o mesmo coas tapas das instalacións existentes como o saneamento e as farolas do alumeado público, que serán recolocadas e reubicadas para unha maior e mellor operatividade da súa función.
Destacan desde o Concello que a actuación será nunhas beirarrúas duns 735 metros de lonxitude lineais cunha media de ancho de 1,38 metros o que alcanza unha superficie total dos 1.095 metros cadrados.
Tamén acometerán un repitado final da sinalización horizontal na totalidade das vías existentes no parque empresarial do Salgal o que suporá un total duns 596,50 metros cadrados de superficie pintada (marcas, pasos de peóns, etc.) e un total de 252 metros de liña da vía.
Salientou o alcalde Jorge Cubela a importancia deste parque empresarial e a "necesidade de acometer estas obras" de mellora da seguridade vial, construción de beirarrúas e pintado da sinalización horizontal para mellorar tamén a imaxe e a visibilidade para condutores e usuarios do polígono.
"Para nós este parque empresarial representa un pulmón importante para a creación de emprego no noso concello de aí que lle adiquemos un investimento importante en axeitalo ás necesidades do momento", indicou.
Para realizar esta obra o Concello investirá uns 50.000 euros con financiamento da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos.