Investimento de 5.000 euros para evitar que o picudo ataque as palmeiras marinenses
Por Redacción
Cristina Acuña, concelleira de Parques e Xardíns en Marín, advertía este luns da posta en marcha dunha campaña de tratamento integral contra o picudo vermello co obxectivo de evitar que esta praga afecte os exemplares de palmeiras que se atopan no municipio. Durante os últimos anos detectáronse en Galicia actuacións destes coleópteros que provocan a morte das plantas.
Os exemplares canarios de palmeira atópanse na Alameda, en Portocelo, no Parque Eguren e no Parque Azul, zonas nas que se aplicará o tratamento, que se acomete en varias fases.
Inicialmente practícase unha endoterapia en cada unha delas. Trátase dun método consistente en inxeccións no tronco a principios da primavera. A continuación, coa chegada do verán aplícase un tratamento fitosanitario de reforzo. Neste caso, segundo o Concello de Marín, é unha "ducha química" con diversos produtos combinados, autorizados para o coidados das palmáceas.
Xa no outono volverase a realizar o tratamento fitosanitario pero utilizando nematodos, un produto que se utiliza como antíxeno biolóxico contra a presenza da praga. O investimento total ascende a case 5.000 euros.
O picudo vermello é difícil de detectar porque se alimenta dentro das palmeiras. En ocasións, compróbase a súa presenza cando o exemplar xa sufriu as consecuencias do ataque. Trátase dun insecto cunha gran capacidade reprodutiva xa que precisa só de tres a catro meses para desenvolver todas as fases do seu ciclo biolóxico.