O Colectivo Feminista promove dúas xornadas para analizar as diferentes formas de "Ser Nais"
Por Redacción
O Colectivo Feminista de Pontevedra, en colaboración coa concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) do Concello, desenvolverá dúas xornadas nas que, baixo o título 'Ser Nais', se analizarán as diferentes formas de "maternar".
Neste sentido, tratarán de poñer o foco en que non existe un único modelo de ser nai na sociedade. As charlas, organizadas no contexto da conmemoración do Día da Nai (o pasado 1 de maio) celebraranse no Salón de Actos do Pazo da Cultura este venres 20 de maio, de 17 a 19 horas, e o venres 27 de maio, de 17 a 18 horas.
Segundo sinala a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, "a entrada será de balde ata completar aforo e tamén será posible seguir as xornadas en streaming a través da canle de youtube do Colectivo Feminista Pontevedra. Nos relatorios deste venres, co epígrafe 'Maternar Diverso', participarán diferentes nais con realidades moi diversas: menor de 30 anos, acolledora, mamá nos anos 80/90 ou unha nai que sufriu unha perda. Contarase tamén coa intervención de Jésica Rodríguez, presidenta da Asociación Española de Psicoloxía Perinatal", avanza a edil do PSOE.
A charla do día 27 de maio, titulada 'Maternidade, violencia de xénero e violencia vicaria', abordará a complexidade de exercer a maternidade cando se foi vítima de violencia de xénero e os cativos sufriron a chamada violencia vicaria. Contarase coa participación da axente de igualdade do CIM de Pontevedra Mercedes Renda.
A presidenta do Colectivo Feminista, Jennifer Iglesias, e a súa vicepresidenta, María Jesús Cuéllar, estiveron esta mañá no Concello con Yoya Blanco e as responsables do CIM, Rosa Campos (directora) e Mercedes Renda, para presentarlles o cartel das xornadas e expoñerlles os temas esenciais que pretenden abordar e reivindicar.
Relacionadas:
-
'Pontevedra, Cidade de Moda' exhibe nas rúas os deseños das tendas locais
Por Redacción |
-
O Museo acolle unha mostra colectiva sobre a muller, a identidade e o xénero
Por Redacción |
-
O feminismo, tras a sentenza condenatoria por abusos a unha menor: "Esta é a xustiza que se debería facer"
Por Natalia Puga |
-
O CIM amplía espazos e Pontevedra contará cun edificio enteiro para traballar pola igualdade
Por Redacción |