O Sergas oferta 21 prazas fixas para médicos de atención primaria na área de Pontevedra por 65.000 euros ao ano
Por Oskar Viéitez
Este martes, 31 de maio de 2022, remata o prazo para a presentación de solicitudes á Oferta Pública de Emprego (OPE) realizada pola Xunta de Galicia, que consta de 106 prazas de médico especialista de Atención Primaria, das que 21 adscribiránse a 13 centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Concretamente aos de Virxe Peregrina -3 prazas- A Parda e Lérez en Pontevedra, Vilaboa, Moraña, Cambados -3 prazas-, Ribadumia, Marín -2 prazas-, O Grove, Ponte Caldelas, Meaño, Sanxenxo-Baltar e 4 prazas no centro de saúde de San Roque en Vilagarcía de Arousa.
Mediante esta OPE, cuxo proceso de selección se levará a cabo a través do sistema de concurso de méritos, Galicia convértese na primeira Comunidade en adoptar este sistema selectivo para captar médicos.
A convocatoria ten como obxectivo paliar o déficit de facultativos na Atención Primaria e tendo en conta as dificultades excepcionais relacionadas coa escaseza de profesionais médicos de familia, así como as actuacións previstas no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, e a necesidade de establecer cambios na prestación asistencial e na ordenación dos recursos humanos dos equipos de atención primaria.
En relación ás 106 prazas desta OPE, 73 delas corresponden á quenda de acceso libre, 6 resérvanse para o acceso de persoas con discapacidade e 27 á promoción interna. Así, poden participar neste procedemento todos aqueles MIR que estean no último ano de formación na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria.
O salario medio previsto con dúas gardas/mes e xornada ordinaria de luns a venres en quendas de mañá ou tarde ou deslizantes (mañá/tarde días alternos), será de 65.000 euros ao ano.
Entre as características das novas prazas é salientable o caracter mixto que posúen no referido á prestación de servizos, pois combinarán a atención sanitaria nos centros de saúde como nos Puntos de Atención Continuada (PAC).
Relacionadas:
-
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés recibe a 48 novos residentes
Por Redacción |
-
"Todo o que contribúa a aumentar profesionais é benvido", afirma Rueda sobre a oferta de casas de Sanxenxo a médicos
Por Oskar Viéitez |
-
Médicos de urxencias alertan de saturación, con "pacientes máis complexos" e picos de 220 diarios en Montecelo
Por Natalia Puga & Diana Eiras |
-
Consideran unha "mofa" a oferta de vivendas gratis para médicos en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Vivendas gratis en Sanxenxo, cebo de atracción a facultativos para traballar nos centros de saúde locais en verán
Por Redacción |