Comezan en Vilagarcía os traballos de mantemento da Vía Verde do Salnés
Por Redacción
Os traballos anuais de roza da Vía Verde do Salnés contratados polos concellos de Caldas de Reis, Portas e Vilagarcía de Arousa para manter esta infraestrutura conxunta en perfecto estado nos seus 9,2 km de lonxitude, deseñada co apoio da Fundación de los Ferrocarriles Españoles, xa está en marcha.
As intervencións que se iniciaron no tramo de Vilagarcía son executadas pola empresa Emdesfor 2002 SL e consisten na roza da vexetación presente nas marxes do percorrido por medios mecánicos mediante o uso dun tractor con rozadora de brazo lateral e outros traballos de mantemento por medios manuais. As tarefas finalizarán a vindeira semana no tramo de Portas, despois de completar o tramo máis longo de Caldas de Reis.
O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, subliñou hoxe o éxito que está tendo a Vía Verde entre a veciñanza da zona e os numerosos visitantes, e lembrou a súa aposta persoal para facer realidade esta vía sostible de conexión peonil e ciclista entre os tres concellos para gozar da natureza aproveitando a antiga vía do tren entre Vilagarcía e Pontevedra.
"A Vía Verde do Salnés é un exemplo da forza da cooperación intermunicipal, superando visións localistas, que tivo o apoio imprescindible da Deputación de Pontevedra e, finalmente tamén, da Consellería de Medio Ambiente”, indicou o rexedor.