A festa do Caldo de Mourente celebrará a súa trixésima edición na Praza de España de Pontevedra
Por Redacción
A Festa do Caldo de Mourente regresará este verán tras dous anos de ausencia pola pandemia. Pero farao nunha data e un emprazamento completamente novo. Celebrarase os días 11 e 12 de xuño na Praza de España de Pontevedra. Será a trixésima edición desta cita gastronómica que levará o nome de Gran Capítulo do Caldo Galego.
A festa estará organizada, como sempre, pola asociación de veciños O Castro, que aceptaron o ofrecemento da concelleira de Promoción Económica de organizar o evento de forma excepcional no centro da cidade para evitar pasar un ano máis sen a celebración desta icónica cita gastronómica.
A cita servirá para nomear a novos confrades, damas e cabaleiros do Caldo. Entre os condecorados coas capas da irmandade figuran o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes; o xefe da Policía Local de Pontevedra, Jose Manuel Duarte; a profesora xubilada, exjefa de estudos e exdirectora do IES Sánchez Cantón Carmen Margariña Valderrama e a vicepresidenta de Aempe, Silvia Crespo.
Así mesmo, serán nomeados novos confrades Cándido Márquez, mariñeiro durante 40 anos en alta mar desenvolvendo labores de cociñeiro; Antonio Javier Porras, funcionario de Policía e xefe de seguridade; Antonio García Puig, técnico sanitario; e Celso Mirón, funcionario do Concello de Pontevedra xubilado.
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, á que xa se lle impuxo a capa de dama da Orde do Caldo no 2020, mostrouse "encantadísima de que a festa poida manterse viva cunha edición moi especial e de que ademais o meu compañeiro Iván Puentes e unha socialista tan querida e senlleira como Margariña Valderrama se convertan en Cabaleiro e Dama".
A investidura e xuramento terá lugar o día 11 ás 11.30 horas nunha carpa que se instalará na céntrica praza pontevedresa e na que desde unha hora antes empezarán a chegar os integrantes dunha vintena de confrarías, entre as que figuran: Botón de Ancla (Marín), Caldo de Quintandona (Penafiel, Portugal), Viños Rías Baixas (Cambados), Ameixa de Carril (Carril), Cordero Segureño (Huéscar, Granada), Amigos dos Nabos (Asturias), Yumay (Asturias), Centolo Larpeiro do Grove, Cigala de Marín, Galo Quirico (Marín), Berza (Marín), Vino de la Ribera del Duero, Xan Carallás (Redondela), Porco Ravelo (Portugal) o Luso Galaica e Albariño de Cambados.