Investigan unha muller que deixou morrer de fame e sede un can nunha casa abandonada
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra mantén a condición de investigada sobre unha muller que presuntamente deixou morrer de fame e sede o seu can nunha vivenda que se atopaba abandonada porque ela deixara de vivir alí.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, a muller está investigada por un presunto delito de maltrato animal con resultado de morte.
A morte deste animal coñeceuse o pasado 13 de maio, cando axentes da Policía Local de Pontevedra acudiron a unha vivenda da rúa Illa de Man requiridos por un servizo de limpeza que atopara o cadáver dun can no interior dunha vivenda que estaban a limpar.
O animal estaba na cociña, en posición fetal e cunha evidente desecación ou momificación. No resto da vivenda a situación era de abandono e estaba chea de sucidade. De feito, os axentes que acudiron a esta casa referiron que había mal cheiro e atoparon moitas bolsas, plásticos e restos de defecacións do can por todo o inmoble.
Os servizos veterinarios fixeron un informe sobre o corpo localizado e manifestaron que as condicións nas que se atopou o cadáver do animal, "rodeado de excrementos, lixo e sen auga nin comida", evidencian que o animal "viviu en condicións de total insalubridade", polo menos nos seus últimos días. Ademais, sinalaron que é "sumamente compatible a ausencia de auga e/ ou comida como causa da morte".
O can levaba microchip e, a través del, a Policía Local puido identificar á súa propietaria, que resultou ser a mesma que habitaba a vivenda.
A raíz deste achado, os axentes remitiron dilixencias ao xulgado por un presunto delito contra a protección da flora, fauna e animais domésticos na súa modalidade de malos tratos animais con resultado de morte e realizáronse unha serie de xestións que permitiron saber como sucederan os feitos.
Así, souberon que a citada muller abandonara o domicilio varios meses antes da intervención policial, quedando supostamente o animal só no interior da mesma aínda con vida.
Os axentes policiais xa actuaron no pasado neste inmoble pola mesma causa. Así, o 27 de xuño de 2021 a Policía Local desprázase a este domicilio por queixas veciñais polo forte cheiro que se percibía na vivenda. Naquela ocasión, a súa inquilina negaba os feitos e manifestou que tiña dous gatos no interior do piso, sen sinalar que estaba en posesión dun can.
Así mesmo, distintos veciños alertaran á propia inquilina do forte cheiro e ladridos do can sen que esta fixese nada.
A muller comunicou aos servizos sociais de Pontevedra que o 28 de outubro de 2021 abandonara a vivenda, pero a Policía Local ten testemuñas de que a vivenda fora abandonou antes do verán de 2021 e os veciños seguían escoitando ladrar e chorar ao can, de día e de noite. En máis dunha ocasión, manifestáranllo a esta persoa.