Moreira nega a Mosquera e asegura que non pediu á Xunta conectar a Estación coa avenida de Vigo
Por Redacción
O Partido Popular asegura que o Concello de Pontevedra non solicitou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que incluíra un ramal ata a Estación de Autobuses no proxecto de desdobramento da avenida de Vigo, unha actuación que financia o Ministerio de Fomento e que executa a administración municipal e que, segundo os populares, "a estas alturas xa tiña que estar avanzada".
Nun comunicado de prensa, o portavoz municipal do PP, Jacobo Moreira, criticou que días atrás, o concelleiro César Mosquera "tentou descargar calquera responsabilidade sobre o retraso nesta obra" informando sobre un "suposto atasco" derivado da pretensión municipal de que se fixera o ramal, unha aspiración sobre a que o Concello xa se cansara de esperar unha resposta por parte da Xunta.
Asegura Moreira que se interesou entón polo requirimento que se tería enviado a Santiago, "coa intención de coñecelo e contribuír no posible á axilización da súa tramitación". Pero transcorrido o dobre do prazo legal para que contestara o Concello, o voceiro do PP segue sen recibir resposta, polo que dá por feito que, "en realidade nunca existiu ese requirimento e o anuncio de Mosquera foi unha artimaña máis para xustificar outro claro exemplo de deixamento municipal".
Neste sentido, o voceiro popular lembra que, dado que é o Ministerio de Fomento quen puxo os 7 millóns que custa esta actuación, o Concello debe xustificar as anualidades previstas "e para o pasado 15 de novembro tiña establecida a certificación de obra nada menos que por 2,1 millóns de euros, sen que nin sequera se iniciaran aínda os traballos".
Esta nova mostra "da tendencia do BNG a fuxir das súas responsabilidades no Concello de Pontevedra", explica Moreira, podería radicar, segundo a súa interpretación, "nunha hipotética afección do pretendido ramal ata a Estación de Autobuses ao río dos Gafos". O proxecto de desdobramento da avenida de Vigo non ten incidencias ambientais importantes, pero ese acceso si podería implicalas e "resultaría moito máis cómodo poder sinalar á Xunta de Galicia como responsable ante calquera dúbida, queixa ou alegación ecoloxista".