Moraña aproba o proxecto modificado do campo de fútbol de Mirallos, paso imprescindible para retomar as obras
Por Redacción
O Pleno Municipal de Moraña deu luz verde á aprobación do proxecto modificado do Campo de Fútbol de Mirallos, un traballo técnico necesario para desbloquear unha reforma paralizada desde hai meses.
"A situación que se está vivindo a nivel nacional no que respecta á obra pública afectou de cheo ao Campo de Mirallos. Por iso, para nós como goberno local era unha prioridade poder liquidar a situación e así retomar de novo a execución das obras", sinalou o alcalde, José Cela.
Desde a paralización dos traballos mantivéronse reunións cos técnicos da empresa e co arquitecto responsable da obra, así como coa conselleira de Medio Ambiente, para encarrilar a redacción dun novo proxecto.
Agora neste novo plan de roteiro "mantéñense inicialmente as partidas previstas, aínda que se introducen algunhas novas substituíndo algúns materiais escollidos inicialmente, debido a unha escaseza de subministración ou ás importantes demoras na súa entrega, que atrasarían considerablemente a execución", explica Cela.
Deste xeito, manterase a execución dos espazos dedicados ao que inicialmente serían vestiarios, pero quedarán diáfanos para ser utilizados polo momento como almacén. Ademais manterase a cantina e corrixiranse algúns problemas detectados con respecto á bancada. Doutra banda, incluirase nesta nova fase da obra a renovación de todo a rega do campo de fútbol ao non funcionar adecuadamente.
Relacionadas:
-
O Concello de Moraña di que o campo de fútbol de Mirallos estará en funcionamento para a vindeira tempada
Por Oskar Viéitez |
-
Comezan as obras de saneamento e pavimentación na Laxe, en Moraña
Por Redacción |
-
A renovación das beirarrúas da estrada PO-226 en Moraña estará concluída na primavera de 2023
Por Redacción |
-
Moraña modificará o proxecto do campo de Mirallos pola inflación do prezo dos materiais
Por Redacción |
-
A falta de materiais paraliza as obras do campo de fútbol de Mirallos
Por Redacción |
-
Os campos de fútbol de herba natural, en perigo de extinción na comarca
Por Diego Espiño |