Portas abertas para que os futuros estudantes coñezan o campus pontevedrés
Por Redacción
A Facultade de Ciendas da Educación e do Deporte acollía este mércores a primeira das actividades que os diferentes centros do campus pontevedrés programaron ao longo da xornada para ofrecer a futuros estudantes detalles sobre as posibilidades dos graos que queiran afrontar.
Dentro da programación que a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria está a desenvolver nos tres campus da Universidade de Vigo, nesta sesión os estudantes de bacharelato ou de ciclos formativos de grao superior puideron realizar unha visita guiada para coñecer as instalacións do centro como o contido das materias e principais posibilidades profesionais que ofrecen as carreiras.
As dez titulacións que se imparten en Pontevedra ofertan máis de setecentas prazas de novo ingreso. Durante a primeira sesión, o vicedecano Uxío Pérez acompañou aos visitantes e resolveu as principais dúbidas que lle expuñan, segundo recolle o DUVI.
O alumnado que visitou a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación gozou dunha proxección de traballos audiovisuais realizados polo alumnado; mentres que na Escola de Enxeñaría Forestal realizáronse demostracións nos laboratorios. As diferentes propostas realizáronse tamén na Escola Universitaria de Enfermería e nas facultades de Belas Artes, Fisioterapia, e en Dirección e Xestión Pública.