Amplían o prazo para o Plan de Prácticas Laborais da Deputación e ultiman a convocatoria para 2014
Por Redacción
As empresas da provincia interesadas en participar no Plan de Práctica Laboral da Deputación de Pontevedra e que non presentaran solicitude no seu día, disporán dun novo prazo de cinco días, a partir do próximo luns, para presentar os seus proxectos e optar a un dos 2.462 bolseiros inscritos nesta iniciativa. Búscase cubrir así as vacantes existentes, ao non presentarse candidatos suficientes nalgunhas das titulacións requiridas.
Así o anunciou este venres o presidente da Deputación, Rafael Louzán, que destacou que o motivo desta nova convocatoria é que "hai dispoñibilidade económica para incrementar os beneficiarios destas bolsas ata os 500 antes de que remate o ano", polo que se fai preciso que novas empresas se sumen ao proxecto para dar cabida no seu cadro de persoal a máis bolseiros.
Louzán lembrou que está previsto que a principios de 2014 se faga unha nova convocatoria para que outros 500 dos 2.462 mozos titulados que presentaron solicitude de bolsa poidan ter esa primeira oportunidade laboral e "dar así cobertura a practicamente o 50% dos solicitantes".
Nesta liña, Rafael Louzán informou de que o vindeiro luns 25 de novembro se publicará a puntuación dos bolseiros e a lista de admitidos e excluídos, o que lle permitirá aos solicitantes saber en que posto están e as posibilidades que teñen tanto de entrar a traballar nesta convocatoria como na próxima. Os solicitantes disporán de tres días hábiles para presentar as reclamacións que consideren oportunas.
Por outra banda, no caso das empresas que solicitaron titulados en Ciclo Superior de Animación en 3D, xogos e contornos interactivos; en Enxeñería en Telecomunicacións de Electrónica, en Telecomunicacións de Telemática, e da Licenciatura en Enoloxía e que non van poder dispoñer de bolseiros nestas categorías por non terse presentado ningún candidato, terán a oportunidade de solicitar bolseiros doutras das titulacións sempre e cando o perfil que precisan coincida co de algún dos solicitantes de bolsa.