O Orgullo LGBTIQ+ regresa a Bueu cunhas novas xornadas pola diversidade afectiva e sexual
Por Redacción
Coa chegada do Día do Orgullo LGBTIQ+, Bueu organiza unha nova edición, a quinta desde o seu nacemento, das súas xornadas pola diversidade afectiva e sexual. Será os días 1 e 2 de xullo cun programa para crear conciencia sobre a identidade persoal e a liberdade sexual.
O programa deste ano iniciarase o 1 de xullo, ás 19.00 horas na sala multiusos do Centro Social do Mar, coa lectura do manifesto do Concello de Bueu con motivo desta efeméride.
A continuación, a investigadora Ana Amigo Ventureira presentará o proxecto "Bibliodiversidade", unha guía que divulga material bibliográfico sobre a diversidade afectiva e sexual co obxectivo de promover o uso destes recursos como ferramenta didáctica nas aulas.
Despois, o IES Johan Carballeira de Bueu presentará o traballo levado a cabo durante este curso no equipo de diversidade do centro, co que recibiron o premio "Escola sen armarios", concedido dende a Asociación Arelas.
A xornada culminará ese día coa presentación do libro Campo de plumas. Poemas LGBT+ para a mocidade dende a antigüidade ata hoxe, unha proposta da editorial canguesa Sushi Books, traducida por Jesús Castro Yáñez, quen estará acompañado polo editor Moisés Barcia.
Ao día seguinte, 2 de xullo, o Cineclub Bueu proxectará o filme Girl de Lukas Dhont, que se poderá ver ás 21 horas no Centro Social do Mar con entrada de balde. O filme conta cunha adolescente de quince anos que naceu sendo un neno e o seu maior desexo é converterse nunha bailarina de elite.
Ademais, xa dende o 28 de xuño, Día do Orgullo LGBTIQ+, colocarase a bandeira no balcón da casa consistorial. O Concello encargoulle ao artista local Marc Taeger o pintado da fonte dos Xardíns de María Eugenia, que dende hai unhas semanas reivindica a diversidade.
Taeger salienta que o deseño baséase no arco iris "e con ela significamos que somos moitas pezas diversas e xuntas conformamos un conxunto".