A Xunta vai renovar o convenio para que os médicos xubilados manteñan o acceso aos talonarios de receitas
Por Redacción
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego vai renovar o convenio para que os médicos xubilados poidan seguir mantendo o seu acceso aos talonarios de receitas.
O titular do Goberno galego interveu este sábado na XIV edición do Encontro médico do Colexio Oficial de Médicos da provincia da Coruña tendendo a man aos colexios médicos galegos para afrontar os retos que precisa a sanidade e para ofrecer aos cidadáns a atención que merecen.
O presidente da Xunta pediu a colaboración do colectivo médico nas actuacións emprendidas para optimizar e mellorar os recursos, sobre todo en atención primaria, e que pasan, fundamentalmente, por poder contratar máis médicos. "Non é un problema de cartos", recordou. "Por iso solicitamos ao Goberno central unha convocatoria extraordinaria de prazas MIR e a creación da especialidade de urxencias e emerxencias".
Rueda asegurou tamén que a sociedade galega está en débeda cos médicos e comprometeuse a que o Goberno galego tería en conta a entrega do colectivo sanitario. Nese obxectivo enmarcou o anuncio de incentivos aos profesionais que reforcen os centros de saúde. "Sabemos que non é a solución definitiva, pero é un recoñecemento a un esforzo extraordinario, un máis dos que están a facer os profesionais da saúde".
Alfonso Rueda tamén lembrou a aprobación no Consello da Xunta desta semana da ampliación da oferta de Enfermería ata as 1.300 prazas.
Destacou, ademais, que os orzamentos en gasto de persoal da Consellería de Sanidade aumentaran un 22,5% en relación ao ano 2009 e que, para o presente ano, atención primaria dispón de preto de 11 millóns de euros máis para o capítulo de persoal. Desde este ano, dixo, un total de 13.561 profesionais teñen un incremento retributivo vinculado ao recoñecemento dun novo grao da carreira profesional.