Luis López agradece o "respaldo inmenso" e presenta 2.363 avais para presidir o PP de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O delegado terriorial da Xunta en Pontevedra e candidato a presidir o Partido Popular na provincia, Luis López entregou este luns a Comisión Organizadora do Congreso o apoio de 2.363 afiliados á súa candidatura.
Tras entregar os avais, López amosou o seu agradecemento por estes apoios que interpreta como "unha mostra de cariño enorme, non tanto cara a miña persoa, senón como un xesto de respaldo inmenso para o proxecto e para a toda a xente que conforma o PP en Pontevedra".
Para Luis López este número de avais supón "un éxito colectivo do proxecto do PP na provincia", e como cabeza visible asegura sentirse "enormemente responsabilizado" coas 61 agrupacións locais e con todos os afiliados do PP.
Nesta liña, subliñou que "asumirei o reto cunha gran responsabilidade, con total humildade, cun enorme compromiso de traballo e cunha aposta irrenunciable pola unidade".
Unha vez entregados os apoios, a Comisión Organizadora do Congreso comprobará que cumpren os requisitos e confirmará a súa proclamación como candidato. A partir dese momento, López comezará unha campaña electoral interna, entre o 22 e o 29 de xuño, coa que percorrerá todas as comarcas da provincia para "explicarlle aos militantes a miña visión do partido, o meu proxecto continuador para a provincia, os matices que quero introducir e ofrecerlles o meu apoio para que afronten, nas mellores condicións, as decisivas eleccións municipais do ano próximo", explicou.
Aos compañeiros das agrupacións locais, prometeu darlles "toda a adicación e o máximo apoio", pero tamén lles vai pedir "un traballo incansable a pé de rúa, un traballo de estar coa xente, cos veciños, para escoitalos, atendelos e axudalos".
Con respecto á candidatura que presentará ao congreso, adiantou que comezará a conformala "de xeito inminente". Se ben, xa adiantou que o equipo de Alfonso Rueda, do que el era secretario xeral, "considéroo como propio, polo que loxicamente vai haber moita continuidade".
Relacionadas:
-
Luís López, novo presidente do PP de Pontevedra: "Temos moito espazo municipal que reconquistar"
Por Alejandro Espiño |
-
Luisa Piñeiro regresa á primeira liña política como 'número 2' do PP pontevedrés
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
"Man tendida" do PP a Landín e os concelleiros descontentos coa nova xestora de Barro
Por Natalia Puga |
-
Luis López optará a suceder a Rueda no PP pontevedrés: "Non rehúso as responsabilidades"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O PP fixa para o 9 de xullo o seu congreso para elixir novo presidente provincial
Por Redacción |