Marín dá inicio ao seu verán festivo coa tradicional concentración moteira
Por Redacción
Cando algo está a piques de comezar, adoitase dicir que están "quentando motores". Pero, nesta ocasión, esa expresión é a máis acaída posible. Porque o verán de Marín comezará cunha nova edición, a décimo quinta, da súa tradicional concentración moteira.
O evento, organizado polo colectivo Golfiños de Marín, celebrarase do 1 ao 3 de xullo.
O venres, a partir das 18.00 horas, abrirán as inscricións e ás 23.00 horas, haberá concerto de Chroma e do DJ Rubén Díaz.
Xa o sábado ás 18.00 horas iniciarase a ruta mototurística polo municipio, cun pincho na carpa e ás 20.30 horas, exhibición de stunt a cargo de Jaque e Nhnpina Stunt Team.
As acrobacias tamén seguirán con outro espectáculo máis, antes de que ás 00.00 horas arranque a ruta nocturna con antorchas.
Ás 01.30 horas será a entrega de trofeos e de regalos, para despois iniciar unha festa nocturna tamén amenizada polo DJ Rubén Díaz.
Ao día seguinte, ás 11.00 horas será o turno da nova promesa do motociclismo galego Yael#7 e o evento rematará ás 13.00 horas cunha sesión vermut.
NOVA SEDE ELECTRÓNICA
Por outra banda, o Concello de Marín convocou un encontro no Museo Manuel Torres para explicar á cidadanía o funcionamento da nova sede electrónica. Será este xoves 30 de xuño, a partir das sete da tarde e estará aberto a todos os interesados.
Así, presentaranse todos os servizos que se ofrecen á veciñanza, entre eles sacar un volante de empadroamento, presentar unha factura, solicitar unha mellora a través do rexistro, consultar pagos e débedas impositivas ou formar parte de procesos de participación cidadá.
Esta sede, recordan desde o Concello, non substitúe á atención presencial e individualizada que se presta todos os días desde o edificio consistorial, pero si supón unha importante axuda e un avance de cara á dixitalización do traballo diario municipal.