"Preocupación" no PSOE pontevedrés ante a "elevada incidencia" dos trastornos de saúde mental
Por Redacción
A agrupación socialista de Pontevedra acaba de constituír un órgano de asesoramento da súa Comisión Executiva Local en materia de temas sanitarios e, logo da súa primeira sesión de traballo, amosou a súa "preocupación" pola situación da atención á saúde mental.
Esta preocupación céntrase na "elevada incidencia" de trastornos de saúde mental, en especial dos trastornos da ansiedade, depresivos, psicosomáticos e por abuso de substancias (alcol e outras drogas), así como pola elevación da taxa de suicidio, que se dá maioritariamente en situacións de crises sanitarias e económicas.
Esta situación resulta "preocupante" tendo en conta as ratio de Psiquiatría, psicoloxía clínica e persoal de enfermaría especialista en saúde mental, que "son as máis baixas do Estado".
En canto a este órgano recentemente formado, trátase dun grupo de traballo composto por unha vintena de membros. A reunión constitutiva serviu para analizar de xeito xeral o estado da Sanidade galega e asegura que as conclusións ás que se chegaron "non poden ser máis preocupantes", especialmente no ámbito da Atención Primaria, ao considerarse que a área sanitaria de Pontevedra se atopa nunha situación de "emerxencia sanitaria insostible" e que "supón un risco para a saúde".
Esta situación ten unha "inevitable repercusión" no resto dos niveis asistenciais, ao traducirse nunha "elevada" carga de traballo para os profesionais, o que conduce a "cansazo, fatiga e estrés", ao que se lle suman xornadas laborais "extenuantes".
Segundo denuncian, este escenario está dando lugar a lista de agarda de varios días para a atención aos pacientes por primeira vez na historia, mesmo telefónica, e á consideración da atención presencial como algo en certo modo excepcional.
Ao grupo parécenlle "inaceptables" as declaracións do conselleiro de Sanidade nas que recoñece a súa incapacidade para resolver esta situación por falta de profesionais, xa que, na súa opinión, esta situación de escaseza de profesionais non é homoxénea en todos os territorios do Estado e "é consecuencia, en boa medida, das pésimas condicións laborais e as escasas perspectivas profesionais que ofrece o goberno da Xunta de Galicia".
O grupo de traballo tamén expresou a súa preocupación ante algúns aspectos relevantes da Atención Especializada, como son as longas listas de agarda tanto en consultas de especialistas como nas intervencións cirúrxicas e a crecente derivación á Sanidade Privada.
Neste contexto, os socialistas rexeitan o peche de camas previsto para o verán, "medida inaceptable por imprudente e temeraria nun momento de novo repunte de casos de Covid, que eventualmente ocupará unha elevada porcentaxe de camas que deberían ser utilizadas para axilizar a lista de agarda cirúrxica xerada nos momentos máis difíciles da pandemia".
En atención á gravidade da situación na Atención Primaria e á urxencia na busca de solucións, o grupo adoptou o acordo de celebrar, nas vindeiras semanas, un acto de debate público para analizar esta cuestión, no que contarán coa participación de representantes de asociacións profesionais e doutras entidades sociais relacionadas coa Atención Primaria
Relacionadas:
-
A Subdelegación acolle unha xornada sobre a prevención do suicidio en vítimas de violencia de xénero
Por Redacción |
-
García Comesaña descoñece aínda cal será o futuro do Hospital Provincial no 125 aniversario da súa creación
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pontevedra contará cun hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil
Por Redacción |
-
'BuenaMente' enche o campus de actividades que poñen o foco na saúde mental
Por Redacción |
-
Loitar contra a depresión pospandémica, empeño da III Feira PonteSán
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |