Conduce a súa moto ebrio, sen carné nin seguro e levando dous pasaxeiros sen casco
Por Diego Espiño
O Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra deu o alto este mércores, no polígono industrial de Xil-Meaño, a unha motocicleta na que viaxaban tres persoas contravindo as normas de circulación.
Xa de seu trátase dunha conduta perigosa, pero a situación foi aínda máis grave. Segundo informa o corpo de seguridade, os dous pasaxeiros viaxaban sen casco, un ocupando o oco entre o condutor e o manilla e o outro ocupando o asento posterior.
Ademais o condutor da moto, o único que levaba posto o casco de protección homologado, carecía de permiso de circulación, de seguro obrigatorio e deu positivo no test de alcoholemia ao que foi sometido.
Trátase dun veciño de Cambados, de 21 anos de idade, que conta con dilixencias abertas anteriormente por feitos similares e ao que se investiga agora por un delito contra a seguridade viaria, por conducir carecendo de permiso. Esta infracción conleva unha pena de prisión de tres a seis meses, unha multa de doce a vinte e catro meses ou a imposición traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días.
A Garda Civil remitiu as pertinentes dilixencias ao Xulgado de Instrución de Garda dos de Cambados.
Doutra banda foi denunciado administrativamente por alcoholemia positiva, o que supón unha infracción grave cuxa sanción é de 1.000 euros, outra por carecer de seguro obrigatorio, cuxa sanción é de 1.250 euros, e outra por superar as prazas permitidas transportando a un pasaxeiro en lugar inadecuado, cuxa sanción é de 200 euros.
En canto aos pasaxeiros foron denunciados por non facer uso do caso homologado, o que supón unha sanción de 200 euros para cada un deles.