O lugar de Moldes terá unha parada na liña urbana de bus que conecta con Montecelo
Por Redacción
O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, confirmou este martes que o lugar de Moldes disporá dunha parada de autobús na liña que conecta a cidade con Montecelo.
Este futuro punto instalarase no entronque entre a estrada de Ponte Caldelas e a Ronda Leste, segundo acordou a comisión de seguimento do convenio do Concello de Pontevedra coa Xunta.
"Dentro dese compromiso que establecemos no seu día de estudar o funcionamento das novas liñas e así adaptalas ás necesidades dos usuarios, escoitamos a petición dos veciños desta zona da cidade para instalar unha nova parada neste punto, ao percibir demasiado afastadas as outras dúas paradas da zona", explicou Gómez.
O edil pontevedrés considera que "é unha solicitude do máis oportuna", polo que a partir de agora comezarán os trámites para a creación desta parada "no período de tempo máis breve posible".
O concelleiro de Mobilidade lembra que a instalación dunha nova parada require un proceso administrativo concreto, así como a solicitude de diferentes autorizacións á hora de sinalar e habilitar de xeito oficial e legal este novo punto.
Doutra banda, Gómez quixo sinalar que o vindeiro luns, 11 de xullo, San Bieito, todas as liñas funcionarán coma se fose domingo, ao ser festivo local en Pontevedra.
Relacionadas:
-
Cambio do percorrido da liña 2 do bus urbano de Pontevedra con motivo das obras do Gran Montecelo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
As dúas novas paradas do bus urbano, en Eduardo Pondal e Mourente, pendentes da burocracia
Por Alejandro Espiño |
-
Estudan engadir unha parada máis para o Bus Urbano na contorna de Eduardo Pondal
Por Redacción |
-
Catro mil metros cadrados peonís máis cada ano, o obxectivo de Pontevedra para crear unha "cidade integradora"
Por Alejandro Espiño & Diana Eiras |