Cambio do percorrido da liña 2 do bus urbano de Pontevedra con motivo das obras do Gran Montecelo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Demetrio Gómez, concelleiro de Mobilidade de Pontevedra, informaba este xoves do cambio que se realizará, a partir do xoves 23 de febreiro, no percorrido da liña 2 do bus urbano, por solicitude da UTE que desenvolve as obras de construción do hospital Gran Montecelo.
A empresa pediu o peche dun carril de circulación de vehículos entre a rotonda da Cidade Infantil Príncipe Felipe e a baixada ao CIFP Carlos Oroza, na fronte da zona en que se executan actualmente os traballos, sinalaba o concelleiro.
O Concello aprobou esta restrición da circulación, segundo indicou Demetrio Gómez, unha vez que contou coa aprobación da xerencia da área sanitaria, ao tratarse do acceso principal ao Hospital Montecelo; que se garantiu que o transporte público podería seguir en funcionamento; e cando a empresa comprometeuse a sinalizar e balizar esta zona.
Desta forma, a partir do xoves da próxima semana pecharase un carril deste trazado e só se poderá circular na dirección que vai desde Príncipe Felipe a Montecelo, quedando prohibido o tráfico no outro sentido.
A liña 2, que sobe a Monte Porreiro e pasa por Montecelo, continuará exactamente como está no sentido Praza de Galicia-Rúa Alemaña.
O cambio rexistrarase para volver de Montecelo á Praza de Galicia, neste caso o autobús subirá ata a rotonda de entrada de Montecelo, diante do hospital. Unha vez alí, dará a volta para baixar ata Santa Margarida e retornará a Pontevedra pola avenida de Lugo.
Segundo manifestou Demetrio Gómez este cambio de trazado supoñerá algo máis de percorrido pero non provocará un cambio notable no tempo da viaxe xa que se inutilizarán tres paradas - Cidade Infantil, Moldes e San Amaro, no sentido de baixada, entre Monte Porreiro - Praza de Galicia. Esta medida manterase ata que finalice a obra do hospital.
O edil explicou que este cambio se realiza para que a veciñanza de Monte Porreiro poida seguir contando con este servizo.
Relacionadas:
-
Pontevedra prorroga o convenio coa Xunta para o transporte urbano: "Está funcionando ben"
Por Alejandro Espiño |
-
O Gran Montecelo, a polo noveno piso
Por Redacción |
-
O transporte urbano de Pontevedra consolídase cunha media de 24.000 usuarios ao mes
Por Alejandro Espiño |
-
Seis meses cun único carril na estrada entre Príncipe Felipe e Montecelo
Por Redacción |
-
As dúas novas paradas do bus urbano activaranse a partir do 17 de outubro
Por Alejandro Espiño |
-
As dúas novas paradas do bus urbano, en Eduardo Pondal e Mourente, pendentes da burocracia
Por Alejandro Espiño |
-
O lugar de Moldes terá unha parada na liña urbana de bus que conecta con Montecelo
Por Redacción |