Seis meses cun único carril na estrada entre Príncipe Felipe e Montecelo
Por Redacción
A partir do próximo xoves 23 de febreiro, a estrada entre a cidade infantil Príncipe Felipe e o Hospital Montecelo quedará cun único carril de circulación. É unha medida obrigada polas obras de construcción do novo edificio hospitalario.
É debido a que este mes comezarán os traballos de urbanización e acondicionamento dos accesos á dársena de mantemento e servizos do novo hospital.
Este acceso realizarase mediante unha vía situada a unha cota máis baixa respecto á avenida de Montecelo, que requirirá a execución dun muro de sostemento.
A intervención obrigará a restrinxir o tráfico a un só carril de circulación na avenida Montecelo en dirección, desde a rotonda do Príncipe Felipe cara ao actual hospital, e afectará a todo o tramo ata o encontro coa baixada de vehículos que dan acceso á entrada do actual complexo.
Dada a incidencia que terán os traballos na mobilidade circulatoria da zona, representantes e técnicos da Xunta, do Concello e do hospital mantiveron varias reunións para coordinar e reducir ao máximo as afeccións das obras.
As medidas no tráfico incidirán de modo especial nos accesos ao hospital actual, dando prioridade e favorecendo o acceso de ambulancias e vehículos de servizos, así como o mantemento das liñas de autobuses.
No tramo afectado da avenida de Montecelo, no que se manterá un único sentido de circulación desde o Príncipe Felipe cara á estrada de Ourense ata o hospital actual, habilitarase un carril de 3,10 metros para o tráfico de vehículos.
A beirarrúa existente, duns dous metros, reservarase para os peóns.
A nova sinalización na zona comezará a aplicarse a partir do 23 de febreiro e está previsto que se manteña durante os próximos seis meses. Durante ese período tamén quedará anulado o estacionamento de vehículos no tramo afectado.
Relacionadas:
-
Amplían en seis meses o prazo de execución do novo vial de Montecelo
Por Oskar Viéitez |
-
Cambio do percorrido da liña 2 do bus urbano de Pontevedra con motivo das obras do Gran Montecelo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
As obras da primeira fase do Hospital do Gran Montecelo acadan o 34 %
Por Redacción |
-
Afectados polo novo vial de Montecelo: "Están a colocar as lastras para as beirarrúas e só hai rebaixe nos dous accesos ás casas"
Por Diego Espiño |