Rescatan unha peregrina que caeu ao río Gafos ao seu paso por Tomeza
Por Redacción
Unha muller que realizaba o Camiño de Santiago era rescatada na tarde deste mércores do río Gafos ao seu paso pola parroquia pontevedresa de Tomeza. Segundo relata o servizo de Emerxencias do 112 Galicia, a peregrina caeu ao río ao redor das 16.30 horas tras tropezar e escorregar cando camiñaba en Ponte Valentín.
Ata o lugar trasladábanse axentes da Policía Local e os bombeiros do Parque de Pontevedra, unha vez que se recibía o aviso do 112 Galicia. Segundo relataba a persoa que solicitaba asistencia urxente, a muller camiñaba cun grupo de persoas por unha zona de bosque de Tomeza cando se precipitou ao río causándose unha posible fractura nun pé que lle facía perder sangue.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia activáronse os protocolos necesarios para facilitar o rescate co aviso aos Bombeiros de Pontevedra e aos recursos sanitarios, ademais de alertar aos axentes da Policía Local e Nacional.
Para localizar á persoa ferida o máis rápido posible nunha zona de difícil acceso utilizáronse sistemas avanzados (AML) e tamén as coordenadas enviadas polos acompañantes da vítima a través de whatsapp.
Unha vez liberada, a muller foi trasladada nunha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao Hospital Montecelo para atendela das lesións que presentaba.