O maior consumo de alcol durante a pandemia augura un aumento de doenzas hepáticas na área sanitaria
Por Redacción
A taxa de consumo de alcol máis segura "sempre é cero", aseguran desde o servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP). Sendo en todo caso unha taxa difícil de conseguir se aposta por recomendacións que sirvan de guía á poboación para reducir progresivamente o seu consumo.
En liña co exposto no último Congreso Internacional do Fígado no que participou o xefe de servizo do complexo pontevedrés, Juan Turnes, desde o CHUP recomendan non exceder "o equivalente a unha cervexa ou copa de viño ao día no caso das mulleres ou de dúas no caso dos homes, sempre que gocen de boa saúde".
Doutra banda desde a área sanitaria os hepatólogos observan con preocupación como o consumo de bebidas espirituosas creceu desde o estalido da pandemia, o que prognostican traducirase nos próximos anos nun aumento da prevalencia de certas doenzas vinculadas a esta droga en Pontevedra e O Salnés.
Así mesmo, tamén se advirte dos perigos dos consumos abusivos en certas celebracións ou durante as fins de semana, xa que "está amplamente estudado que o consumo de grandes cantidades de alcol en curtos períodos de tempo é moitísimo máis perigoso que o consumo da mesma cantidade de alcol ao longo dunha semana", defende Juan Turnes.
Por todo iso segundo o xefe de servizo de Aparello Dixestivo todo consumo de alcol, por pequeno que sexa, expón un maior risco de sufrir hepatite aguda sendo "a primeira causa de cirrosis hepática en Europa, afecta o depósito de graxa no fígado e, entre outros perigos, está ligado ao cancro de fígado e a diferentes tipos de cancro do sistema dixestivo". Ademais a súa inxesta, asegura, é adicitiva e fai que se irriten e inflamen as mucosas, contribuíndo entre outros moitos efectos negativos ao aumento de peso.
O alcol é a droga máis consumida en Galicia e causa máis da metade das enfermidades hepáticas terminais. Non se trata dun problema illado, xa que Europa ten a maior taxa de consumo de alcol do mundo, segundo un informe conxunto da Asociación Europea de Estudo do Fígado e a revista The Lancet.
Relacionadas:
-
Hai 120 pacientes na área sanitaria de Pontevedra diagnosticados con colanxite biliar primaria
Por Redacción |
-
O Servizo de Aparello Dixestivo de Montecelo, líder galego na busca dun tratamento para o fígado graxo
Por Redacción |
-
O Servizo do Aparello Dixestivo do CHUP xa é referente nacional na atención á hepatite C
Por María José Pita |