O programa de vacacións de Special Olympics Galicia recunca en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A Asociación de Pais, Profesionais e Amigos de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento 'Special Olympics Galicia' presentou este venres en Pontevedra o seu programa de vacacións no que participarán 207 persoas durante os meses de xullo e agosto.
O presidente e a vicepresidenta de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández e Carmela González Lagarón, acompañados do director xerente de Afundación, Pedro Otero informaron dos detalles deste programa que ofrece ás persoas con discapacidade intelectual unha ampla oferta de actividades co obxectivo de "propiciar a súa inclusión e dar visibilidade a este colectivo", así como "garantir que gocen das súas vacacións estivais nas mesmas condicións que o resto da sociedade".
Os 207 participantes forman parte de 14 entidades galegas. Todos eles gozarán das súas vacacións na Residencia Universitaria Afundación de Pontevedra.
Segundo sinalou Eladio Fernández, estas estancias vacacionais contribuirán "a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias" e destacou que a importancia destas actividades de lecer e de tempo libre, "evitando a inclusión destas persoas en programas menos normalizados e de maior custo económico e social".
Pola súa banda, Carmela González Lagarón tamén incidiu na importancia de que "a contorna se adapte ás persoas e non ao revés, poñendo o foco nas capacidades e non nas limitacións e mellorando a súa calidade de vida".
Pola súa banda, o director xerente de Afundación destacou o papel desenvolvido por Special Olympics como "unha entidade con accións sempre relevantes e visibles" que "contribúe a integrar e normalizar, a reivindicar a independencia e a posibilidade de tomar decisións dentro das diversas capacidades de cada persoa".
Relacionadas:
-
Special Olympics desenvolverá o seu programa de vacacións estivais para persoas con discapacidade en Pontevedra
Por Redacción |
-
VÍDEO.- O Camiño Portugués máis inclusivo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Special Olympics presenta en Pontevedra un programa de vacacións para persoas con discapacidade intelectual
Por Redacción |