Homenaxe do PP ás vítimas do terrorismo apelando á memoria ante os que "tratan de reescribir la historia"
Maribel Lolo tiña apenas catro anos cando ETA atentou contra o seu pai. Era o ano 1978. Jesús Lolo Jato, policía local en Portugalete (Biscaia), sobreviviu ao disparo dos terroristas, pero quedou prostrado nunha cadeira de rodas para o resto da súa vida.
Ela foi a invitada de excepción á homenaxe que organizou este mércores o Partido Popular, co respaldo da Fundación Miguel Ángel Blanco, ás vítimas do terrorismo. Fixérono coincidindo co 25 aniversario do secuestro e asasinato do concelleiro de Ermua.
O do pai de Maribel, que actualmente reside en Pontevedra, é un dos máis de 300 casos sen resolver vinculados con ETA.
Xunto co presidente do PP pontevedrés, Rafa Domínguez, Maribel foi a encargada de depositar un ramo de flores ante o monumento da Praza da Liberdade, onde se achegou un centenar de persoas para mostrar o seu rexeitamento á barbarie terrorista.
"Todos sabemos dónde estábamos hay 25 anos", sinalou Domínguez en referencia ao "vil asesinato" de Miguel Ángel Blanco, o detonante dun "cambio para siempre" na sociedade española, que se levantou de maneira unánime para condenar este crime.
Ao longo da traxectoria da banda terrorista ETA, segundo destacou Domínguez, foron centos as familias que viron truncadas as súas vidas "únicamente por luchar por la libertad y la democracia de la que ahora disfrutamos".
Por todas as vítimas, entende o líder do PP de Pontevedra, "es más necesario que nunca hacer una labor de memoria", especialmente ante os que "tratan de reescribir la historia", en referencia ao apoio de Bildu á lei de memoria democrática que tramita o Goberno.
Entre toda a sociedade "tenemos que evitar los núcleos de poder independentistas", asegurou Rafa Domínguez, que alertou de que quen avala estas actitudes "no están tan lejos de aquí ni están todos en el País Vasco".
A este respecto, preguntado pola prensa, apuntou á "relación de compadreo" entre Bildu e o BNG, dous partidos que "coinciden en muchísimas de sus tesis".
Á homenaxe acudiron, entre outros, o delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López, representantes de Cidadáns e VOX, así como de sindicatos policiais como o SUP, ou a Asociación Unificadas de Gardas Civís, e portavoces de colectivos empresariais.
Relacionadas:
-
O Comité electoral do PP de Pontevedra propón a Rafa Domínguez como candidato á alcaldía
Por Redacción |
-
O PP provincial prepárase para reforzar as estruturas locais e intensificar o traballo na rúa
Por Redacción |
-
Unidade política no 25 aniversario do "especialmente doloroso" asasinato de Miguel Ángel Blanco
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Pontevedra recordará a Miguel Ángel Blanco no 25 aniversario do seu secuestro e asasinato
Por Alejandro Espiño |
-
O PP organizará un acto "en recordo a todas as vítimas de ETA"
Por Redacción |