Acepta cinco anos de cárcere e traballos sociais por maltratar a súa ex noiva e queimarlle o coche
Por Natalia Puga
Un veciño de Marín deberá cumprir cinco anos de prisión e realizar 111 días de traballos en beneficio da comunidade por ameazar e maltratar á súa ex parella e queimarlle o coche. O home foi xulgado este martes na Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, recoñeceu os feitos dos que o acusaba o fiscal e logrou un acordo que lle permite reducir a súa condena.
O fiscal pedía para o acusado 16 anos e 10 meses de prisión polos delitos de ameazas, maltrato físico leve e incendio. Finalmente, conformouse con cinco anos como autor dun incendio con risco para a vida e a integridad das persoas, 80 días de traballos en beneficio da comunidade por ameazas e 31 días desta mesma pena social por maltrato. Ademais, polos dous últimos delitos impoñeráselle unha orde de afastamento da súa vítima durante un ano.
Segundo o relato dos feitos co que se conformou o marinense, o 8 de maio de 2012 enviou mensaxes e realizou chamadas á súa ex parella ameazándoa utilizando as palabras: "coitelo morte, matar, pistola, cárcere da igual". Posteriormente atopouse coa muller na rúa Jaime Janer de Marín e agarrouna polo pescozo, á vez que lle dicía que ía matala e a queimar o seu coche.
O 24 de maio, segundo el mesmo recoñeceu, achegouse ata o garaxe no que a muller gardaba o seu coche e prendeu lume a un recipiente de plástico no que vertera un líquido inflamable. O lume calcinou o vehículo e causou diversos danos nas instalacións valorados en máis de 4.500 euros.