Bueu prepárase para unha fin de semana de Festas do Carme e das Dores
Por Redacción
As Festas do Carme e das Dores, no Concello de Bueu, regresan esta fin de semana cunha programación do nivel da prepandemia aínda que con moitas novidades.
O programa arrincará o sábado ás 12:00 horas cunha misa na Igrexa Parroquial de San Martiño con posterior procesión ata a lonxa na compañía da Banda de Gaitas Manxadoira e a Banda de Tambores.
Os oficios relixiosos continuarán a partir das 18:00 horas na lonxa, cunha misa que estará presidida pola imaxe principal da Virxe do Carme e outra talla de porcelana que foi doada recentemente por D. Juan Veiga á Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu.
A procesión marítima será ás 18:30 horas. Neste caso, o Concello xestionou un catamarán para que a veciñanza xa inscrita durante esta semana poida asistir. É unha das alternativas que ofrecen para gozar dun percorrido ao que as xentes da vila teñen moita devoción, por tratarse dunha procesión na honra da virxe do Carme, patroa do mar.
Pola noite a orquesta leonesa Ipanema amenizará á velada no exterior do Centro Social do Mar. Esta dividirase en dous pases, xa que ás 00:00 horas celebrarase o espectáculo de pirotecnia dende a praia da Banda do Río. Dende o consistorio anímase a toda a cidadanía a gozar dun espectáculo único e para o cal o Concello leva traballando para melloralo e certificar a seguridade durante o evento.
Ao día seguinte, coincidindo coa festividade das Dores, ás 11.00 horas actuará a charanga 'A cabesa non para'. A continuación terán lugar os oficios relixiosos na igrexa parroquial.
Como peche de verbena e de semana, o programa Musigal da Deputación de Pontevedra fixo posible a actuación da artista Guadi Galego no exterior do Centro Social do Mar. Ademais, a zona das Lagoas acollerá atraccións para que a cativada poida gozar destas festas, tal e como se fixo nas recentes festas do Corpus.
CELEBRACIÓNS DEPORTIVAS
O propio sábado celebrarase a XII Travesía a Nado Udra-Pescadoira, organizada polo Club de Atletismo Corredoiras e o Concello.
Como xa é habitual, haberá tres saídas con diversas distancias: unha dende Ancoradouro con 7500 metros, outra dende Mourisca con 4000 metros, e a última dende Beluso con 1500.
Ese mesmo día, no Campo da Estacada, celebrarase o Campionato de Drons Bueu GP 200, promovido polo Aero Dron Club Bueu e no que haberá exhibicións e competicións de drons nas que participan moitas persoas do territorio nacional.