Preto de 120.000 usuarios da sanidade pública pontevedresa xa están na plataforma dixital É-Saúde
Por Redacción
Un total de 118.078 persoas que reciben asistencia nos centros sanitarios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés adheríronse á plataforma dixital É-Saúde, a ferramenta do Servizo Galego de Saúde que permite acceder a unha serie de servizos interactivos e contidos personalizados dende calquera dispositivo conectado a Internet.
É-Saúde posibilita a 88.749 pacientes do distrito sanitario de Pontevedra e 29.329 do distrito sanitario de O Salnés que poidan consultar e xestionar as súas citas, revisar a súa folla de tratamentos, os informes de TAO -sintróm-, os informes de alta, informes de probas diagnósticas ou informes do calendario de vacinacións infantís.
A través desta plataforma pódese acceder á axenda de citas en Atención Primaria ou Hospitalaria actualizada, posibilitando completala con citas e eventos persoais.
Esta ferramenta do Sergas permite que os pais, nais e titores de menores de idade ou os representantes legais ou persoas expresamente autorizadas polo paciente no caso dos maiores accedan no nome dos titulares aos servizos telemáticos personalizados que se ofrecen neste dispositivo.
Poden facerse usuarias de É-Saúde as persoas que reciban asistencia sanitaria pública e que dispoñan de tarxeta sanitaria do Sergas. Para facelo, deben acceder á páxina web da plataforma e crear unha conta cubrindo un formulario.
Para garantir a seguridade de datos persoais e clínicos, os usuarios que así o desexen deberán achegarse ao seu centro de saúde, onde lles tramitarán as xestións pertinentes.
Para solicitar o acceso delegado, calquera pai, nai, titor legal ou coidador pode solicitar o permiso no seu centro de saúde, acompañando o seu DNI ou pasaporte, así como libro de familia, partida de nacemento ou documento que acredite a tutela ou a patria potestade para o caso de menores, ou sentencia xudicial de incapacitación ou tutela legal no caso de persoas incapacitadas.