Os policías de Vilagarcía investigados por suborno deixan de tramitar atestados
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía persoarase na causa aberta contra dous axentes da Policía Local imputados pola suposta comisión dun delito de suborno. Segundo informou o Concello, a persoación solicítase en calidade de "prexudicado" e pola "única razón" de poder ter acceso a toda a información contida no sumario.
O Goberno local segue apelando á presunción da inocencia dos axentes, xa que non foron acusados dos feitos que se investiga, senón que, ata o de agora, son simples imputados na causa aberta pola autoridade xudicial. Por esta razón, os dous funcionarios non foron separados do servizo.
Non obstante, "por propia lóxica", e como medida cautelar, os policías deixan de estar asignados ao servizo de patrullas do 092, polo que, namentres non se esclareza o caso, realizarán as súas funcións noutros departamentos policiais onde non teñan que realizar e tramitar atestados.
Dentro da investigación interna iniciada, e tal como procede neste caso, ábrese expediente aos dous axentes por unha suposta omisión na tramitación do atestado por un delito contra a seguridade viaria con alcoholemia positiva ao que fai referencia á causa.
O avogado do Concello comunicou este luns ao Xulgado o interese da Administración municipal en persoarse na causa, solicitude que se cursa en calidade de "prexudicado". Deste xeito, como parte directamente implicada, o letrado poderá acceder á información existente en relación ao caso e que levou ao xuíz a iniciar a causa na que se imputa aos axentes por un suposto delito de suborno.