Acordo entre a Xunta e o Concello para humanizar o porto de Raxó
Por Redacción
Tras anos de tiras e afrouxas, Portos de Galicia e o Concello de Poio chegaron a un acordo para abordar de xeito conxunto a reforma de todo o espazo portuario de Raxó.
Foi nun encontro que ambas administracións mantiveron este luns en Pontevedra, no que estiveron a presidenta dese organismo, Susana Lenguas, e o alcalde de Poio, Luciano Sobral; que estivo acompañado polos edís Gregorio Agís (PSOE) e Silvia Díaz (Avante Poio).
A mellora integral terá o mesmo tratamento desde as proximidades do peirao ata a PO-308 e se fará un uso de elementos e acabados que dignifiquen e poñan en valor toda a contorna, con acabados en pedra e rasgos estéticos que garantan a humanización de todo o espazo.
Aínda que é un espazo de titularidade de Xunta, o Concello de Poio comprometeuse a asumir unha porcentaxe "razoable" do orzamento desta humanización, "para dar resposta a unha demanda moi necesaria" e que Raxó viña reclamando desde hai máis dunha década.
Así, o proxecto para a mellora do espazo portuario de Raxó, que custará máis de 800.000 euros, estará financiado ao 70% pola Xunta de Galicia, mentres que o Concello asumirá o outro 30%.
As actuacións, destaca Portos de Galicia, suporán a remodelación do bordo portuario e a renovación integral das instalacións de redes de servizos municipais como abastecemento, saneamento, electricidade ou telefonía, entre outros.
O porto de Raxó distingue os usos estritamente portuarios e de interacción porto-cidade que dá servizo aos veciños, polo que, segundo a Xunta, procede a necesaria colaboración para a conservación e mantemento das obras e servizos municipais, facilitando o desfrute da cidadanía.
Os acordos acadados permitirán avanzar nas xestións necesarias para a tramitación e sinatura do convenio así como para poñer en marcha a licitación das obras.
Con todo, o goberno municipal entende que, tras este acordo, hai que continuar avanzando para dar resposta a actuacións "igualmente demandadas e comprometidas", entre elas a mellora pendente no porto de Covelo, en Samieira.
As partes tamén avaliaron a solicitude de concesión do Concello para habilitar un aparcadoiro na zona do paseo das Redeiras, en Combarro, sobre a que os representantes da Xunta reiteraron que "non é viable tal e como está realizada" pois pretende destinar as prazas a residentes cando non se poden reservar eses espazos para usos alleos ao portuario.
Ante esta situación, Portos de Galicia trasladou a posibilidade de estudar alternativas posibles como un convenio entre o ente público e o Concello que permita habilitar aparcamento libre así como a ordenación do tráfico por parte do goberno local, entre outras cuestións.
Relacionadas:
-
O BNG leva ao Parlamento galego a ordenación do porto de Covelo desde a PO-308
Por Redacción |
-
O acordo de mellora da contorna portuaria de Raxó será aprobado no pleno de xaneiro
Por Redacción |
-
A urbanización do vial do porto de Raxó custará 640.000 euros e o Concello pagará un 30%
Por Redacción |
-
O Concello de Poio agarda polo visto bo dos técnicos para asinar o convenio do porto de Raxó
Por Oskar Viéitez |
-
Portos de Galicia modifica a proposta de reforma do acceso ao Porto de Raxó
Por Oskar Viéitez |
-
Portos de Galicia presenta un proxecto para Raxó que non inclúe todo o ámbito que demanda o Concello
Por Oskar Viéitez |