Portos de Galicia modifica a proposta de reforma do acceso ao Porto de Raxó
Por Oskar Viéitez
A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas presentou este mércores ao Concello de Poio, a confraría de pescadores e outras entidades locais as modificacións acordadas na anterior reunión sobre o proxecto definitivo de adecuación e humanización do tramo inicial do acceso ao porto de Raxó, para o que será necesaria a posta a disposición de solo de titularidade do Concello.
Susana Lenguas sinalou que, deste xeito o ente público dá cumprimento ao compromiso acadado coas partes na xuntanza precedente de presentar unha nova distribución de beirarrúas segundo as peticións manifestadas polas entidades.
Os representantes do Executivo autonómico informaron na reunión, celebrada na sede da delegación na capital pontevedresa, as posibles modificacións ao proxecto redactado por Portos de Galicia, que conta cun investimento de 18.000 euros e cuxa execución está vencellada ao acordo co Concello.
O obxectivo último deste proxecto, cun orzamento inicial, sen as variantes, de 630.000 euros, pasa por reordenar a circulación peonil e rodada na vía de acceso ao porto de Raxó e redistribuír os espazos. A proposta pretende humanizar a vía, con criterios máis amables para os peóns e inclúe a rede de instalación de servizos urbanos, tal como comprometera o ente público nas distintas reunións mantidas cos representantes municipais de Poio.
Ademais das accións de ordenación do tráfico que xa se recollían na proposta presentada inicialmente, Portos de Galicia vén de integrar a demanda de actuar de xeito xeral nas beirarrúas que se atopan fóra do solo de competencia do ente público, mellorando un itinerario peonil, separado do tránsito rodado, desde a estrada xeral ata o paseo do porto.
Ao proxecto presentado pola Xunta, que busca o consenso coas partes implicadas, incorpórase a proposta abordada no encontro de empregar formigón na vía de acceso ao porto así como unha pedra de bordo xunto ás fachadas. Precisamente, para valorar tanto estes cambios como os posibles incrementos de prezo rexistrados desde a redacción do proxecto inicial, Portos de Galicia elaborará un novo orzamento da obra que será trasladado ao Concello para establecer os criterios de financiamento.
Agora, Portos de Galicia insta ao Concello de Poio á colaboración institucional necesaria para poder executar a obra toda vez que se trata dun proxecto que, malia ser elaborado polo ente público autonómico, inclúe a adecuación e renovación de redes municipais de servizos e repercutirá nunha mellora da calidade do tránsito no porto en beneficio de todos os veciños.
VALORACIÓN MUNICIPAL
O Goberno local fai unha valoración positiva da reunión mantida este mércores con Portos de Galicia.
A tenente de alcalde e concelleira de Participación Veciñal, Silvia Díaz (Avante Poio), o edil de Urbanismo, Gregorio Agís (PSOE), e o responsable de Facenda e Patrimonio, Xulio Barreiro (BNG), asistiron ao encontro, acompañados de representantes dos colectivos que forman parte da Comisión de Seguimento dos Portos de Raxó e Covelo.
O Concello define como "produtiva" a cita e salienta a importancia de que a actuación contemple, ademais da dotación de beirarrúas e novo asfaltado desde a pasarela de madeira ata a conexión coa PO-308, un tratamento estético con elementos e acabados que garantan a humanización dun ámbito no que nos últimos anos gañou protagonismo o uso recreativo e hostaleiro.
Malia que inicialmente Portos propuxo o asfaltado desde a pasarela ata a PO-308, o Goberno municipal agradece a a súa predisposición á hora de valorar a proposta feita polo Concello e os membros da Comisión sobre a realización dun deseño que contemple a dotación de elementos estéticos en lousa de pedra no borde do encontro coas edificacións, que servirían para romper a monotonía do formigón, ennoblecendo a contorna.
Neste sentido, os dirixentes municipais apuntan que se trata dunha modificación que axudaría a garantir a humanización deste espazo. Os dirixentes municipais sosteñen que o Concello de Poio ten a man tendida para que se poida facer realidade un proxecto que "debe estar á altura das expectativas xeradas por Portos de Galicia en 2009 na mellora dos portos de Raxó e Samieira", a fin de rehabilitar e poñer en valor dous espazos litorais de “suma relevancia” para ambas parroquias.
Por último, o Goberno local continuará mantendo contacto permanente cos membros da Comisión de Seguimento, cos que, precisamente, mantivo unha xuntanza o pasado martes para consensuar as peticións e propostas que se trataron no encontro celebrado con Portos.
Relacionadas:
-
Acordo entre a Xunta e o Concello para humanizar o porto de Raxó
Por Redacción |
-
As confrarías coñecen o proxecto de rehabilitación da Lonxa de Campelo
Por Redacción |
-
O PP de Poio reclama que o Concello "recapacite" e acepte o proxecto de humanización do porto de Raxó
Por Redacción |
-
"Non podemos permitir que despois de tanto tempo de espera se deixe unha parte do pobo sen a mellora comprometida"
Por Oskar Viéitez |
-
Portos de Galicia presenta un proxecto para Raxó que non inclúe todo o ámbito que demanda o Concello
Por Oskar Viéitez |