O PP de Poio reclama que o Concello "recapacite" e acepte o proxecto de humanización do porto de Raxó
Por Redacción
A Xunta de Galicia presentou esta semana un proxecto para Raxó que consiste na adecuación da superficie de acceso ao porto. Con todo, o Concello de Poio non está de acordo con esta decisión do goberno autonómico, e é que insisten en que nas obras teñen que contemplar tamén "a execución das beirarrúas do vial que une a PO-308 co recinto portuario, que é algo que xa se recollía no convenio asinado hai máis dunha década".
É por iso que o voceiro do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, reclama ao Goberno local que recapacite sobre este proxecto xa que considera que se trata dunha "oportunidade histórica para Raxó". "O proxecto de ordenación e humanización é moi necesario e demandado polos veciños, e temos a oportunidade de que sexa pronto unha realidade", destacou.
Moldes cre que "non ten moita explicación que busquen tantos problemas". Un deles é que utilicen "a desculpa de non asumir o custo do 30% da obra que Portos de Galicia solicita, cando o Concello xa o ten pagado en obras da Deputación". De feito, explica que "esta é a porcentaxe que o deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, esixe sempre aos concellos para asinar convenios de mellora nas estradas provinciais de titularidade da Deputación de Pontevedra".
Nesta liña, apuntan os populares que "o que realmente solicita Portos é que o Concello pague os servizos de competencia municipal, como son o saneamento, ou a auga". Ademais, critican que "mintan dicindo que o proxecto non comeza desde a PO-308, cando o proxecto presentado por Portos iníciase no supermercados Froiz e chega ata o Porto de Raxó, usando distintos materiais e incluíndo a reposición de todos os servizos".
É por iso que desde o Partido Popular esperan que "reflexionen e que aposten pola vía do diálogo. O que non é normal é a confrontación constante do Tripartito con todas as consellerías da Xunta de Galicia, e que cada vez que o Goberno galego quere investir en Poio, todo sexan problemas e atrancos".
Para Moldes "é normal que poidan existir aportacións ou distintos puntos de vista, pero non ten moita explicación que en lugar de apostar por unha postura construtiva e de diálogo, algún concelleiro parece que ten especial interese en retrasar o proxecto ou mesmo que non se faga".
"Non queremos pensar que este boicot e confrontación coa Xunta sexa unha estratexia política, para retrasar ou incluso paralizar o proxecto da Xunta, para que non se poida executar despois do verán e conseguir así tempo para que o Concello de Poio se adiante e execute as obras previstas na rúa Ramón Encinas. Porque non é normal que ao Tripartito lle moleste que Portos teña proxecto e financiamento para Raxó. Debería estar contento e satisfeito con este investimento do Goberno galego".
Relacionadas:
-
Portos de Galicia modifica a proposta de reforma do acceso ao Porto de Raxó
Por Oskar Viéitez |
-
Acordo unánime no Parlamento para reclamarlle á Xunta a senda entre Combarro e Fontenla
Por Redacción |
-
"Non podemos permitir que despois de tanto tempo de espera se deixe unha parte do pobo sen a mellora comprometida"
Por Oskar Viéitez |
-
Portos de Galicia presenta un proxecto para Raxó que non inclúe todo o ámbito que demanda o Concello
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta presentará o mércores o proxecto de reordenación dos accesos ao porto de Raxó
Por Redacción |
-
Portos de Galicia licita por 645.000 euros as obras de ampliación da Lonxa de Campelo
Por Oskar Viéitez |