O cruceiro dos 'camiños da peregrinación' xa loce na Tafona
Por Redacción
Caldas de Reis estreou este mediodía o cruceiro 'Os camiños de peregrinación', una obra elaborada polo alumnado do módulo de cantería do obradoiro dual de emprego que se instalou na coñecida como Praza do Camiño, na Tafona.
Trátase dun fito que se asemella a un cruceiro e que resalta un labrado da pedra onde os motivos principais están relacionados co Camiño de Santiago.
Partindo da idea de conservación do medio e da reciclaxe, os autores optaron por aproveitar os materiais de pedra almacenados polo Concello, promovendo a súa reutilización.
O docente do módulo de cantería, Xosé Lomba, explicou que deste modo elaborouse unha grade a partir de diversos chanzos onde houbo que escuadralos e relabralos ou un pedestal que fai ás veces de varal e no que se mostra un pergamiño coas firmas de todo o alumnado.
No seu frontal vai a data de execución co logotipo labrado inciso dos obradoiros.
Sobre este pedestal sobresae unha esfera que fai as veces de capitel, onde se labrou en baixo relevo o mapa do mundo, "pois de todas partes chegan os peregrinos a Caldas no seu roteiro cara a Santiago", segundo Lomba.
Na parte superior do cruceiro, por último, sobresae a cruz de Santiago cunha cuncha de vieira labrada entre os seus brazos.
A directora do obradoiro de emprego, Dolores Pérez, subliñou o "alto rendemento" do alumnado no proceso de aprendizaxe, xa que non tiñan experiencia previa en cantería, e culminaron o certificado de profesionalidade de artesanía coa realización desta obra na Praza do Camiño.
Pola súa banda, o alcalde Juan Manuel Rey agradeceu o esforzo dos participantes no obradoiro de emprego e puxo en valor esta iniciativa de crear unha obra artesanal permanente "para o goce de todos os caldenses e dos milleiros de peregrinos que chegan a Caldas".