Expertos conclúen que a Lingua de Signos Galega é unha realidade, que existe, e non hai que creala
Por Oskar Viéitez
A deputada de Lingua María Ortega e a presidenta da Organización de Diversidade Sensorial de Galiza (Xoga) María Jesús Monterde presentaron este mércores na Deputación de Pontevedra o 'Informe cero' de análise preliminar para a revitalización da Lingua de Signos Galega (LSG).
A Deputación de Pontevedra mantén un acordo de colaboración con Xoga que permitiu levar a cabo unha investigación para recoñecer a LSG como forma de comunicación oficial.
Non hai unha lingua de signos universal e única, o mesmo que ocorre coas linguas orais existen tantas linguas de signos como comunidades ou nacionalidades. No ano 2007 aprobouse unha lei que recoñecía como linguas de signos oficiais a española e a catalá pero a galega perdeu esa oportunidade.
Desde Xoga consideran que existe unha lingua de signos galega que forma parte da nosa cultura e idiosincrasia e defenden a súa difusión e aprendizaxe, pois consideran que é outra lingua máis da nosa comunidade que facilita a accesibilidade de moitas persoas á información, é inclusiva e ademais é un complemento óptimo para moitos profesionais.
Este ‘Informe cero’ é un traballo de recompilación e investigación de como está a Lingua de Signos Galega. No achegamento a esta realidade sociolingüística que fai, descubriron "un contexto moi influenciado polas políticas lingüísticas deseñadas e impulsadas desde unha concepción centralista y estatal das mesmas".
Os expertos do eido científico-universitario que colaboraron na elaboración desde informe conclúen que "a LSG é unha realidade, que existe, e non hai que creala". Segundo sinalan, hai que "recompoñela", e "recoller o que queda dela" antes de que desaparezan as persoas que a empregan e "revitalizala".
Pero tamén engaden que "recoñecemos que non toda a Comunidade Xorda e Signante está por esta labor" polo que "necesítase dun compromiso de todas elas" para "traballar a prol da recuperación dun patrimonio cultural singular que é propio da lingua e da galega, a cal enriquece".
Por último, propón que este proxecto gradual de revitalización da LSG se aborde por fases. A primeira fase debe ser puramente científica cun grupo de traballo multidisciplinar interuniversitario para afrontar entre outras a conformación do corpus lingüístico. En seguintes fases, deberían desenvolverse os aspectos pedagóxicos.
A deputada de Lingua María Ortega expresou o compromiso total da Deputación de Pontevedra neste proxecto.
Relacionadas:
-
O 'Informe Cero' presentado pola Deputación alerta da 'mala saúde' da Lingua de Signos Galega
Por Redacción |
-
Benestar Social e Xoga organizan un curso básico e gratuito de lingua de signos
Por Redacción |
-
Avanzan a programación do Día das Linguas de Signos reclamando mudar "inclusión" por "equidade"
Por Diana Eiras & María José Pita |
-
A Federación Española de Sordocegueira apoia a proposta de XOGA de oficializar a Lingua de Signos Galega
Por Redacción |
-
Primeiro paso desde a Deputación para acadar o recoñecemento oficial da lingua de signos galega
Por Anxo Lourido |