A Deputación destina novos recursos do Plan Concellos a Vilagarcía, Ponte Caldelas e Poio
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos recursos no marco do Plan Concellos que, entre outros, benefician aos concellos Ponte Caldelas, Vilagarcía e Poio.
Vilagarcía recibirá unha achega por 238.384 euros para a reforma das instalacións, pavimentos e elementos construtivos do cemiterio de Rubiáns. A través desta actuación acondicionarase a pavimentación na zona máis antiga do cemiterio, mellorando o tránsito desde a entrada principal, a capela e o conxunto de panteóns familiares e xardíns. Amais, consolidarase o pavimento do cemiterio e disporase unha nova canalización de pluviais.
Poio disporá de 190.252 euros para as obras de humanización do entorno da Travesía Porteliña e a rúa do Adro, na parroquia de San Salvador. Os traballos incluirán a mellora do pavimento, a adaptación de rasantes e eliminación de barreiras arquitectónicas, integrando os novos materiais co medio que o rodea, e dándolle especial tratamento aos peóns. Deste xeito, a renovación incluirá unha plataforma única de lastra de granito na intersección coa Rúa do Adro. Amais, renovaranse os servizos de saneamento e pluviais.
Ponte Caldelas terá unha achega de 64.830 euros para financiar as obras de ensanche dun viario municipal na Insua. Trátase dun camiño cunha sección insuficiente para a circulación de vehículos e persoas, que nalgunhas zonas non chega aos 3,5 metros. O ensanche requirirá, para a ampliación do ancho do camiño, a pavimentación dos tramos ampliados e a reposición de servizos afectados.