Dorrón celebra esta fin de semana as súas festas
Por Redacción
Dorrón mergullarase esta fin de semana nas festas en honra a San Roque e a Virxe das Dores onde a música e as celebracións litúrxicas serán as protagonistas.
A actividade festiva dará comezo o sábado 20 cunha salva de bombas seguida dunha alborada a cargo do grupo de gaitas Os Cruceiros de Tremoedo. Ás 13 horas terá lugar unha misa solemne, seguida da procesión e unha tirada de lumes. A partir das 22:30 horas celebrarase unha verbena a cargo das orquestras Grupo Estudo e Rever.
O domingo, 21, pola mañá, haberá a tradicional salva de bombas seguida dunha alborada a cargo do grupo de gaitas Os Cruceiros de Tremoedo. Ás 13 horas, celebrarase a misa seguida da procesión. Ao concluír terá lugar a actuación do grupo folclórico Soalleira. Pola noite, a partir das 22:30 horas a verbena correrá a cargo das orquestras A Ocaband e Acibeche.
Portonovo entra este mércores na recta final dos seus festexos coa celebración hoxe da Virxe do Carmen e o broche final poñerao mañá o Día do Can. Esta tarde celebrarase unha misa solemne en honra á Virxe do Carmen cantada pola Coral Santa María de Adina seguida da procesión e acompañda dos Danzantes de Cobas e ao final a tirada de fogos. A Banda de Música de Redondela dará hoxe un concerto no parque do Espiñeiro coa Banda de Música de Redondela. Pola noite, a partir das 23 horas, as orquestras Cinema e Mariachis subiranse ao escenario. Ás 24 horas, está prevista a tradicional tirada de fogos de artificio que se tiveron que suspender onte polo mal tempo.
O xoves a actividade festiva comezará coa salva de bombas de palenque seguidas de alboradas cos grupos Lembranzas e Os Gatiños. Ás 17.00 horas realizaranse xogos tradicionais no porto e posteriormente, ao redor das 20.30 horas, será o popular desfile de cans, un concurso no que se premiará con 150, 100 e 50 euros aos mellores disfraces e posta en escena (a inscrición realízase no mesmo día). Ás 22.15 horas as orquestras Tango de Vigo e o Combo Dominicano pecharán a programación.
Relacionadas:
-
O concello espera polo Arcebispado para poder licitar as obras do campo de festas de Dorrón
Por Redacción |
-
Kiko Rivera fai bailar a Portonovo
Por Redacción |
-
Unha hora diaria sen ruído nas festas de Portonovo
Por Redacción |
-
Portonovo despacha media tonelada de sardiña nas festas de San Roque
Por Redacción |