Os incidentes no 'gastromercado', segunda entrega dunha denuncia previa e de mala relación entre hostaleiros
Por Natalia Puga
Os dous incidentes que na mañá do xoves requiriron a intervención de axentes das policías Local e Nacional de Pontevedra na primeira planta do mercado de Pontevedra non son o primeiro enfrontamento entre os hostaleiros con postos no 'gastromercado' pontevedrés, senón que son unha segunda entrega dun enfrontamento previo que xa acabou en denuncia na Comisaría Provincial.
Ademais, diversas fontes consultadas por PontevedraViva confirman que son resultado dunha mala relación previa entre os usuarios deste 'gastromercado'
O xoves, os policías tiveron que mediar en dous enfrontamentos orixinados entre polo menos catro persoas diferentes, das que polo menos tres teñen postos no 'gastromercado' e a cuarta ten relación cun deles. Dúas desas catro persoas implicadas no enfrontamento do xoves protagonizaran o previo. Trátase dun suposto roubo rexistrado o pasado 29 de xullo.
Fontes policiais confirmaron que na madrugada do día 5 de agosto unha muller cun posto na planta superior do mercado acudiu á Comisaría Provincial da Policía Nacional para denunciar un roubo e relatou que o 29 de xullo, ao chegar ao seu establecemento, comprobou que lle faltaba o cartel que anuncia o local.
Esta muller acudiu á persoa que se encarga de administrar a praza de abastos e, tras realizar un visionado das gravacións das cámaras de seguridade das instalacións, comprobaron que o responsable doutro negocio da planta superior lle roubra o cartel.
Segundo denunciou esta hostaleira, a pesar de que lle pediron explicacións a este segundo hostaleiro, el negou coller nada. Cando lle dixeron que a súa imaxe aparecía nas cámaras de seguridade, devolveu o cartel.
Esta hostaleira relatou na súa denuncia ante a Policía Nacional que previamente, entre o 21 e o 22 de xullo, xa tivera un incidente con ese outro hostaleiro, que supostamente lle proferiu ameazas. Confirmou tamén a mala relación que mantén ese home con ela e con outras persoas con negocios no mercado. O fillo deste hostaleiro danou o xoves a tapa de plástico dunha boca de incendios.
Fontes oficiais da Policía Nacional confirmaron que os investigadores realizaron investigacións sobre este suposto roubo e que as dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Garda e á Fiscalía.
Fontes oficiais do servizo de Promoción Económica do Concello de Pontevedra decidiron ser cautelosos á hora de valorar estes incidentes. A preguntas de PontevedraViva, indicaron que a concelleira responsable, Yoya Blanco, esperará a ter un informe completo do ocorrido antes de realizar valoracións ou de adoptar unha decisión.
Outras fontes consultadas por este xornal indicaron que o ocorrido podería derivar na apertura dun expediente disciplinario por incumprimento da normativa que regula o funcionamento do mercado de abastos.
Relacionadas:
-
O 'gastromercado', en "paz absoluta" mentres segue en estudo un expediente por enfrontamentos
Por Natalia Puga |
-
Os incidentes no 'gastromercado' deste verán, pendentes da análise de informes policiais
Por Redacción |
-
Intervención policial por dous incidentes entre hostaleiros do 'gastromercado'
Por Natalia Puga |