A provincia de Pontevedra rexistrou 4.876 accidentes laborais no que vai de ano
Por Oskar Viéitez
Nos seis primeiros meses de 2022, segundo os datos do Ministerio, xa que a Xunta non facilita estas estatísticas, Galicia rexistrou un total de 13.968 sinistros (incluídos os “in itinere”), o que supón un incremento dun 24,6% en relación a hai un ano.
Destes, 13.710 foron leves; 213 graves; e 45 resultaron mortais, un 150% máis que nos seis primeiros meses de 2021. De feito, Galicia foi a terceira Comunidade con máis falecidos, por enriba estarían Andalucía e Cataluña, todas elas con moita máis poboación asalariada. De feito, Galicia está á cabeza do Estado en índice de incidencia de sinistros laborais mortais, de 0,659 puntos, moi por enriba dos 0,277 da media estatal.
Por provincias, A Coruña rexistrou 6.053 sinistros; Pontevedra, 4.876; 1.553 Ourense e 1.486 Lugo.
Nos seis primeiros meses do ano a industria manufactureira foi a que máis accidentes rexistrou, 3.043; seguida da construción, con 2.043; comercio e reparación de vehículos, con 1.562; e actividades administrativas e servizos auxiliares, con 1.232. Todas estas actividades por enriba dos 1.000 sinistros laborais rexistrados.
O Ministerio tamén desglosa os índices de incidencia por sectores de actividade, o que nos dá unha idea máis próxima da sinistralidade ao relacionala co número total de asalariados nesta actividade. Segundo isto, nos seis primeiros meses do ano, en Galicia a construción é o sector que rexistra un maior índice de incidencia, de 432,3; seguido da industria, 379,3; agrario, 311; e servizos, 145,2.
Dende o sindicato UXT aseguran que "é necesario articular un plan de choque contra a sinistralidade laboral" cunha revisión en profundidade da Lei de Prevención de Riscos Laborais para adaptala a novas realidades que non prevé como as ondas de calor tamén sinalan a necesidade de reforzar a Inspección de Traballo, dotándoa de máis recursos materiais e humanos, co que podería incrementar as actuacións de oficio nas empresas, sen agardar as denuncias dos traballadores, os cales, en moitas ocasións, debido ao medo a ser despedidos, non chegan a interpoñela.
Relacionadas:
-
Falece un operario tras sufrir unha caída cando traballaba nunha obra en Chancelas
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta de Persoal de Pontevedra denuncia "neglixencia" dunha mutua no accidente laboral dun bombeiro
Por Redacción |
-
Persoal de Celtic Estores Bandalux acusa á dirección de establecer condicións laborais "inhumanas e insalubres"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |