Tres restaurantes centenarios de Pontevedra, premiados no Galicia Fórum Gastronómico
Por Alejandro Espiño
Os once restaurantes centenarios que perviven en Galicia serán premiados no marco do certame Galicia Fórum Gastronómico, que se celebrará na Coruña entre os días 25 e 27 de setembro. Tres destes homenaxeados están situados en Pontevedra.
Así, os Premios Picamillo, que se entregan durante este foro, recoñecerán na súa categoría de cociña a estes establecementos polo seu labor de preservación da cociña tradicional galega.
Os tres restaurantes pontevedreses que recibirán este premio son A Centoleira, de Beluso (Bueu), fundado en 1884; Casa Ces, activo en Poio desde o ano 1908; e Casa Inés, unha das grandes referencias da gastronomía de Cerdedo-Cotobade, que abriu en 1918.
Paz Nogueira, aberto en Santiago desde 1840, é o decano destes once restaurantes centenarios, en cuxa lista se atopan Casa Isolina (Rianxo), Casa Ramallo (Rois), Restaurante España (Lugo) Casa Teodora (Arzúa) ou Restaurante Galicia (Baamonde).
A eles súmanse Casa Lestón (Fisterra), Casa Salvador (A Baña) e O Gato Negro (Santiago). Este último cumpriu o seu primeiro século de actividade este mesmo ano 2022.