Executan tarefas de mantemento no centro de saúde de Cuntis
Por Redacción
Aproveitando o verán, o Concello de Cuntis executou diversas obras de mantemento no centro de saúde da vila, actuacións suxeridas polos facultativos e o persoal sanitario adscrito a estas instalacións para mellorar a calidade do servizo.
Un dos traballos executados pola administración municipal, con persoal propio a través do reforzo de traballadores realizado a través do Plan Concellos, foi a retirada das canalizacións en desuso e o pintado de todo o centro de saúde.
As brigadas municipais actuaron tamén na rede de fontanería, corrixindo as deficiencias que presentaba para garantir un correcto funcionamento do centro e realizaron un pintado interior da totalidade das instalacións.
O alcalde, Manuel Campos, e a concelleira de Servizos Sociais, Ana Loureiro, supervisaron o remate das obras nunha visita ao centro de saúde que, segundo destacaron, "ten agora un aspecto máis limpo e ordenado; esta actuación era moi necesaria".
A contratación de persoal coas axudas da Deputación, segundo o alcalde, son un "importante balón de osíxeno" para municipios pequenos como Cuntis, porque "se tivésemos que contratar estes traballos a empresas externas igual non podíamos facer tantas obras pequenas".