‘Concilia Bueu’ despídese ata o próximo verán
Por Redacción
Co remate do mes de agosto, o Concello de Bueu pecha as actividades do programa ‘Concilia Bueu’, no que cen nenos e nenas nados entre 2010 e 2018 gozaron dunha oferta lúdica, cultural e deportiva durante os dous meses do verán, e que permitiu favorecer tamén a conciliación laboral e familiar durante a tempada estival.
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana Isabel Otero, participaba este mércores na clausura deste programa que o Concello ofrece de forma gratuíta ás familias xa que, segundo destacou a edil, "é un proxecto moi necesario que pretende axudar á conciliación das familias nestes tempos tan complexos".
Ademais, desde o Consistorio de Bueu indícase que, como novidade, "nesta edición contouse por primeira vez con monitores e monitoras con especialidade na atención a necesidades especiais, unha iniciativa pola inclusión de todos os nenos e nenas e que xa se implementou noutras actividades".
O programa desenvolveuse dende o 1 de xullo por parte da empresa de lecer Risotadas, que ofreceu actividades baixo o paraugas da arte, mentres que en agosto foi a cargo do club local Bueu Atlético Balonmán, que preparou obradoiros arredor do Camiño de Santiago e do Xacobeo.
Os diversos obradoiros culturais, artísticos e deportivos tiveron lugar en varias localizacións, como o CEIP Plurilingüe A Pedra Infantil e Primaria e o Pavillón Municipal Pablo Herbello.