A piscina municipal abrirá o luns ao descender a poboación de Sanxenxo e o consumo de auga na última semana
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo anuncia que reduciu o seu consumo de auga na última semana un total de 2.160 metros cúbicos diarios. Augas de Galicia ofreceu os datos na xuntanza deste mércores 31 de seguimento da seca que mantén cos representantes municipais dos Concellos que reciben auga do Lérez.
Segundo o goberno local de Telmo Martín, esta baixada do consumo coincide coa época en que numerosos visitantes retornan aos seus domicilios e sinala que a previsión é que se manteña este descenso ao longo do mes de setembro. Tamén esperan unha mellora do caudal do río coa previsión de choivas a partir da fin de semana.
Por este motivo, o luns 5, o Concello abrirá a piscina muncipal como primeira medida de resposta ao descenso do consumo de auga. O resto de restricións que se inclúen no bando municipal elaborado con motivo da seca manteranse debido á situación de prealerta. Estas medidas son as referidas á limitación de baldeos de rúas e prazas, unicamente pódense realizar co depósito de Fontoira; o peche de lavapés nas praias, restrición de lavado de vehículos e rega de xardíns con auga da traída municipal.
Segundo lembra o goberno local, foi o único concello que decidiu pechar a piscina municipal, que ofrece un consumo diario de 20 metros cúbicos, debido ao incremento de poboación da vila turística durante os meses de xullo e agosto. Insisten á poboación na necesidade de manter un uso racional da auga e agradecen a colaboración cidadá durante o mes de peche.
Relacionadas:
-
RADIO.- O debate sobre a xestión da auga "non pode ser conxuntural" e "hai que sacalo das modas e das axendas electorais"
Por Marisa Ciordia |
-
Confían en que as chuvias "continuadas" que se aveciñan estabilicen o caudal do Lérez
Por Alejandro Espiño |
-
O Lérez mantén a baixada do caudal coa esperanza posta nas chuvias previstas para a fin de semana
Por Redacción |
-
Pecha a piscina municipal de Sanxenxo e suprímense as regas nos campos de fútbol do municipio
Por Redacción |
-
A Xunta e os concellos que se abastecen do Lérez coordinan medidas ante un probable empeoramento da seca
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |