Contratarán un auxiliar de cociña para dar solución ao comedor escolar no IES de Cotobade
Por Oskar Viéitez
A dirección do Instituto de Educación Secundaria de Cotobade informou á comunidade educativa que "todo o alumnado solicitante do comedor quedará admitido no mesmo".
A nova chega despois dunha reunión celebrada este venres co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, as direccións dos dous centros implicados, o IES de Cotobade e o CEIP de Tenorio, e os representantes da Asociación de Nais e Pais (ANPA) con respecto á problemática do comedor.
Segundo indicou a dirección do Instituto de Cotobade, "estamos á espera da incorporación dun auxiliar de cociña" en canto se formalice avisarán inmediatamente ás familias para que os alumnos poidan facer uso do servizo de comedor. "Excepcionalmente o próximo martes poderán facer uso do mesmo todo o alumnado, para non perxudicalo na presencia nas clases da tarde".
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades aceptou a proposta que lle trasladou o Concello e procederá na vindeira semana a iniciar un chamamento para a contratación dun auxiliar de cociña que dea solución ao medio cento de mozos que quedaran fóra do servizo de comedor escolar no Instituto de Cotobade.
Jorge Cubela agradeceu ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que resolvese este "contratempo" de xeito que a partir de agora os 135 mozos que solicitaron o servizo de comedor van a telo. Quedaran sen praza 31 alumnos pola semana e 17 a maiores para os martes.