Música, gastronomía e cultura cervexeira, man a man na primeira edición de FERVE Estrella Galicia
Por Alejandro Espiño
Todo está preparado, ata o máis mínimo detalle, para que música, gastronomía e cultura cervexeira se dean a man en Pontevedra. Desde este venres e ata o vindeiro domingo 18, a Alameda acollerá a primeira edición do festival FERVE Estrella Galicia.
Vinte e sete cociñeiros de renome prepararán os seus mellores pratos durante os tres días de FERVE. Todos eles se turnarán para ofrecer ao público os seus petiscos de autor, que poderán maridar coas diferentes cervexas de Estrella Galicia, a prezos populares.
Este mesmo venres, abrirán fogo os cociñeiros pontevedreses Rubén González (El Cafetín), Marta García (Meigas Fóra), Vicente Tortajada (La Culpa de la Gula) e Marta Santiago (A Fervella), que servirán as súas creacións desde as oito e media da tarde.
Baiuca, a partir das 22:00 horas, porá a nota musical á primeira xornada de FERVE.
Os fogóns volverán acenderse o sábado, desde as 12:30 horas, con Diego Guerrero (DSTAgE, Madrid), Pepe Solla (Casa Solla, Poio), Juliano Valese (Toureiro Valese, Brasil), Xanty Elías (Leira Alfoliz, Aljaraque), Carlos Gea (Living, Vigo) e Héctor López (España, Lugo).
López protagonizará ademais un showcooking con produtos de Galicia Calidade, tamén ás doce e media do mediodía, e o concerto matinal será de Guadi Galego (13:30 horas).
Pepe Solla, acompañado de Pedro Revilla, investigador da Misión Biolóxica de Pontevedra, e Ana Lage, meteoróloga en Meteogalicia; compartirán a primeira das charlas FERVE Talks, moderadas pola xornalista Teresa Cuiñas, que versará sobre gastronomía e ciencia.
Tras esa sesión das 11:30 horas, as charlas regresarán xa pola tarde, ás 19:30, cunha mesa redonda sobre comedores comunitarios, a cargo de Javi Olleros, Xanty Elías, Javier R. Ponte “Taky”, Yayo Daporta e Libia Estévez cociñeira do CEIP A Paz Tintureira (Vigo).
A partir das 20:30 horas regresarán os petiscos de autor con Javier Olleros (Culler de Pau, O Grove), Adrián Felípez (Miga, A Coruña), Javier R. Ponte "Taky" (Cátering Boketé, Cambre), Lydia del Olmo e Xosé Magalhães (Ceibe, Ourense), Yayo Daporta (Yayo Daporta, Cambados), Alejandra Herrador e Emanuel Carlucci (Atalaia, Castelló) e Víctor Martín (Trigo, Valladolid).
Unha dobre sesión musical con Marilia Monzón (22:00 horas) e a Banda de Late Motiv (23:15 horas) amenizarán a parte final deste segundo día de FERVE.
Xa o domingo, un showcooking de Iñaki Bretal con Galicia Calidade (12:00 horas) abrirá o programa de actividades, tras o que seguirá FERVE Talks sobre cociña de aldea e comunidades rurais, con Pepe Vieira, Ignacio Echapresto e Vicky Sevilla.
Antes do concerto de Xoel López, que será ás dúas da tarde como colofón do festival, cociñarán Vicky Sevilla (Arrels, Sagunto), Iván Domínguez (Nado, A Coruña), Ignacio Echapresto (Venda Moncalvillo, A Rioxa), Beatriz Sotelo (A Coruña), Iñaki Bretal (Eirado da Leña, Pontevedra), Begoña Vázquez Gago (Regueiro da Cova, Verín) e Toño Lorenzo Gay (A Faragulla, Chantada).
TALLERES E MERCADOS ABERTOS AO PÚBLICO
A oferta deste primeiro FERVE Estrella Galicia complétase con seis talleres.
"A que soa a túa cervexa?", un taller que aúna música e cata; "Tiraxe de cervexa by MEGA", para aprender a tirar cervexa; "Como se fai La Estrella de Galicia, a nosa receita orixinal", cunha visita visita virtual á fábrica de Estrella Galicia, serán tres deles.
O resto son "Roteiro da Colleita by MEGA", un roteiro guiado a través das materias primas, a elaboración e o servizo de cervexa; "Cata a cegas con Cervexas 1906", unha cata das catro variedades da gama de cervexas 1906; e "Taller Desperdicio Zero by Diego Guerrero", no que se crearán pratos a partir dunha serie de cervexas.
Ademais, a Alameda acollerá unha edición especial do Mercado de la Cosecha unha iniciativa de impacto social de Corporación Hijos de Rivera, que pon en valor iniciativas que representan un rural próspero e sostible.
O chourizo vegano de Calabizo, os queixos de Cortes de Muar, as sobremesas da casa de Versos da Ruda, os produtos de sabugueiro de Carabuñas, as infusións de Orballo ou a avicultura tradicional de Galo Celta serán algúns dos produtos presentes.
O acceso a FERVE Estrella Galicia é totalmente libre, fóra de actividades como as Ferve Talks, os showcookings e os talleres de cultura de cervexa, que terán prazas limitadas e haberá que reservar asento.
Relacionadas:
-
FERVE, a reinvención da romaría galega que congregou máis de 10.000 persoas na Alameda
Por Redacción |
-
Xoel López dálle ao FERVE Estrella Galicia unha masiva despedida na Alameda
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
FERVE Estrella Galicia ou como modernizar a romaría galega en plena Alameda de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
A gastronomía pontevedresa exhibe o seu potencial no arranque do FERVE Estrella Galicia
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Guía para non perderse nada en FERVE: horarios e programación entre o 16 e o 18 de setembro
Por Redacción |
-
FERVE amplía o seu cartel gastronómico con Yayo Daporta e musical con Guadi Galego
Por Redacción |
-
FERVE, a festa que fusiona música e gastronomía para "reinventar a romaría galega"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |